O Sergas introduce novos requisitos para que o persoal de enfermería poida dispensar medicamentos

Terán que contar cun ano de experiencia ou superar un curso gratuíto. A orde aplica tanto a centros públicos como privados.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/07/2021 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

O persoal de enfermaría deberá ter unha experiencia profesional acreditada mínima dun ano ou superar un curso de adaptación ofrecido pola Administración sanitaria de maneira gratuíta que implique a adquisición das competencias necesarias para poder dispensar medicamentos en Galicia.

Así o sinala a orde da Consellería de Sanidade que publica este xoves o Diario Oficial de Galicia pola que se regula e se inicia o procedemento para a acreditación das/as enfermeiras/os para a indicación, uso e autorización da dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano.

No documento explícase que deste xeito dá comezo o procedemento para a obtención da acreditación por parte do profesional de enfermaría para a indicación, uso e autorización de dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano, relacionados co seu exercicio profesional.

Arquivo - Sanitarios traballando nunha UCI. ÁREA II DE SAÚDE - Arquivo
Arquivo - Sanitarios traballando nunha UCI. ÁREA II DE SAÚDE - Arquivo

PÚBLICA E PRIVADA

O procedemento regulado será aplicable ao profesional de enfermaría responsable de coidados xerais e especializados que exerza a súa actividade profesional no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, "con independencia do carácter público ou privado dos centros, servizos e establecementos sanitarios nos que preste os seus servizos", puntualízase na orde.

Así mesmo, engade que "será tamén de aplicación para a acreditación das/as enfermeiras/vos que, a pesar de non desenvolver na actualidade a súa actividade profesional, teñan a súa residencia habitual" na Comunidade galega.

Sanidade indica que con esta orde e o procedemento que nela se regula preténdese "conseguir a seguridade e o beneficio das persoas pacientes mediante o exercicio da práctica profesional do enfermeiro, tanto no ámbito dos coidados xerais como no dos especializados", que, matiza, "implica necesariamente o uso de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano suxeitos ou non a prescrición médica".

REQUISITOS

Para a obtención da acreditación para a indicación, uso e autorización de dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano deberán estar en posesión do título de grao ou diplomatura en Enfermaría, ou de Axudante Técnico/a Sanitario/a, ou equivalente, ademais do título de Enfermeiro/a Especialista cando se trate do profesional de enfermaría responsable de coidados especializados.

Ademais deben ter unha experiencia profesional acreditada mínima dun ano ou superar o curso de adaptación ofrecido pola Administración sanitaria de maneira gratuíta que implique a adquisición das competencias necesarias para indicar, usar e autorizar a dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano.

O curso de adaptación será programado e xestionado pola Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), de acordo coas directrices que estableza o centro directivo do Sergas con competencias en materia de asistencia sanitaria. As persoas interesadas que estean incluídas no ámbito de aplicación desta orde, e cumpran os requisitos establecidos deberán estar dadas de alta na Oficina Virtual do Profesional (sistema informático Fides/expedient-e); e ter debidamente inscritos e acreditados documentalmente no devandito sistema informático os requisitos.

No entanto, o profesional enfermeiro especialista, en situación de activo ou con reserva de praza nas institucións sanitarias do Sergas ou nas entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade, estará eximido de presentar novamente a titulación á que se refire. O mesmo será aplicable ao profesional que figure admitido nas listas vixentes de selección temporal das categorías de enfermeiro ou enfermeiro especialista. Sanidade concreta que esta orde entrará en vigor aos 20 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta