A Xunta destinará 12 millóns a catro novas liñas de axudas para o sector turístico

Destina outros 400.000 euros a axudas específicas aos profesionais vinculados coas orquestras.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/07/2021 | Actualizada ás 17:52

Comparte esta noticia

A Xunta destinará 12 millóns de euros a financiar catro novas liñas de axudas para o sector turístico galego, uns apoios que se unen aos xa postos en marcha a tal fin ao longo deste ano con outros 30 millóns.En concreto, trátase de apoios para mellorar as infraestruturas turísticas, a comercialización e seguir apoiando aos sectores afectados pola pandemia neste ámbito.

Diso informou este xoves en rolda de prensa o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, quen presidiu a reunión semanal do Consello debido á ausencia do presidente, Alberto Núñez Feijóo, quen viaxou a Madrid para asistir ao acto de homenaxe ás vítimas da pandemia.

O vicepresidente primeiro destacou que neste 2021 a Xunta puxo a disposición do sector turístico galego liñas de axuda por valor duns 30 millóns de euros que xa están practicamente desembolsados. Uns apoios que teñen como obxectivo reactivar un dos sectores máis afectados pola pandemia e aproveitar o impulso para o turismo do Xacobeo 2021-2022.

En concreto, precisou que case o 90% --máis de 25 millóns-- destináronse a unha ducia de liñas dirixidas a facer fronte á covid, entre as que destaca: a Tarxeta Turística; axudas para dixitalizar o sector; para mellorar as infraestruturas turísticas; fomentar a calidade; ou a reactivar especificamente sectores afectados como o dos congresos e as exposicións, os guías turísticos e as axencias de viaxe.

O resto dos apoios destínanse a infraestruturas turísticas singulares, á execución de programas de reactivación, e a servizos ligados ao Ano Santo e á atención ao peregrino.

No tocante aos beneficiarios, o vicepresidente primeiro resaltou que a maioría das axudas -16,8 millóns-- foron dirixidas ao empresariado turístico; 4,5 millóns para acordos promovidos cos concellos; 4 millóns aos particulares para desenvolver actuacións no Camiño de Santiago e 150.000 euros ao tecido asociativo propio do Camiño.

AXUDAS Á CONTRATACIÓN DE ORQUESTAS

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, preside a reunión do Consello da Xunta. XUNTA / XOAN CRESPO / Europa Press
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, preside a reunión do Consello da Xunta. XUNTA / XOAN CRESPO / Europa Press

Na súa reunión deste xoves, o Consello da Xunta autorizou a firma dun convenio coa Asociación Galega de Orquestras e a Asociación de Empresarios da Música da Verbena Galega polo que destinará outros 400.000 euros a axudas específicas aos profesionais vinculados con este sector.

Segundo recolle o acordo, este novo investimento destinarase a cofinanciar o desenvolvemento dun mínimo de 50 espectáculos musicais e verbenas ou festas populares no marco da programación do Xacobeo 2021-22, así como das probas piloto para aplicar os protocolos de saúde e seguridade.

As beneficiarias desta medida serán todas as orquestras con sede en Galicia asociadas ás devanditas entidades, sempre que conten cun elenco artístico mínimo de cinco músicos. A Xunta asumirá ata un 40% do custo de cada espectáculo contratado desde o pasado 15 de xuño no marco desta programación, así como todos os gastos correspondentes ás probas piloto.

O importe máximo da axuda será de 4.5000 euros por concerto e de 45.000 euros por cada orquestra participante.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta