O xulgado ratifica a prisión sen fianza para os tres mozos encarcerados pola malleira mortal a Samuel

O avogado dun deles reclama que se levante o segredo de sumario para "defender os detidos con todas as armas".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/07/2021 | Actualizada ás 11:06

Comparte esta noticia

O xulgado número 8 da Coruña ratificou este venres a prisión provisional, comunicada e sen fianza, para os tres mozos encarcerados a pasada semana pola súa implicación no crime de Samuel. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirmou que a xuíza titular do número 8, de garda o sábado 3 de xullo, o día que Samuel Luiz morreu tras recibir unha malleira, ratificou as medidas establecidas o pasado venres polo xulgado número 1, de garda o citado día en que os detidos pasaron a disposición xudicial.

Un dos investigados pola morte de Samuel Luiz acode, esposado e acompañado dun axente da Policía Nacional, ao  Xulgado de Instrución número 8 da Coruña.. M. Dylan - Europa Press
Un dos investigados pola morte de Samuel Luiz acode, esposado e acompañado dun axente da Policía Nacional, ao Xulgado de Instrución número 8 da Coruña.. M. Dylan - Europa Press | Fonte: Europa Press

Os tres encarcerados chegaron ao xulgado nun autobús policial pasadas as 9.30 da mañá deste venres e, a partir das 10.30 compareceron ante a xuíza por separado. Á pregunta da maxistrada de se tiñan algo que declarar ademais do xa recollido, dous non quixeron engadir nada, mentres que un si agregou algunhas palabras á súa declaración. Os comentarios realizados durante a vista están tamén baixo segredo de sumario.

Tras o acto xudicial, a maxistrada entende que convén a ratificación das medidas xa que "existe risco de fuga e posibilidade de alteración ou destrución de probas". Pola súa banda, Ramón Sierra, avogado dun dos investigados, reiterou a "inocencia" do seu defendido, sobre o que pesa, ademais do delito de homicidio ou asasinato aínda por determinar, unha acusación de apropiación indebida por levar, supostamente, o teléfono do mozo que morreu golpeado.

"INOCENTE"

O propio mozo insistiu na súa inocencia ao abandonar as dependencias xudiciais. Antes de subir ao autobús da Garda Civil que os devolve a prisión, o investigado --acompañado por axentes de policía, esposado e de cara, ao contrario que os outros dous, tapados cunha sudadeira--, respondeu "inocente" á pregunta de como se declaraba lanzada polos medios de comunicación.

Ao redor das 12,15 horas da mañá, o autobús policial abandonou o xulgado de intrucción número 8 entre unha gran expectación mediática e social --mozos gravaron a saída para as súas redes sociais-- e entre berros de 'asasinos' e 'ensinade a cara', proferidos por varias mulleres congregadas ás portas do tribunal.

SUMARIO

Sobre o segredo de sumario e o recurso presentado pola Fiscalía para impedir o seu levantamento, Ramón Sierra sinalou que é "necesario" que se fagan públicas as dilixencias para poder "defender os detidos con todas as armas". "As comparecencias de hoxe (por este venres) estaban para que os detidos fosen interrogados, pero se non se levanta o segredo de sumario, é perder o tempo. Non podemos defendernos se non sabemos do que se nos acusa", indicou o letrado, que lamentou ademais que se perda o tempo "tanto para demostrar a inocencia dos inocentes como a culpabilidade dos que sexan culpables".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta