Ferrol acollerá unha homenaxe a 934 vítimas do Franquismo este domingo

É o número estimado de persoas da comarca de Ferrolterra asasinadas pola ditadura entre 1936 e 1976.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/07/2021 | Actualizada ás 19:47

Comparte esta noticia

A Praza de Armas de Ferrol acollerá ás 12,00 horas deste domingo unha homenaxe ás vítimas do franquismo na comarca organizado pola Comisión Pro-Memorial, que se constituíu o pasado 1 de xullo. Este acto, que coincidirá co 85 aniversario do golpe de estado, pretende lembrar ás 934 persoas que entre 1936 e 1976 foron asasinadas na comarca de Ferrolterra por motivos políticos.

Ademais, a Comisión Prol-Memorial quere que o actual goberno local cumpra por fin co acordo do pleno da corporación de Ferrol de setembro de 2017 --no mesmo sentido pronunciouse o Concello o ano pasado-- para erixir un monumento en memoria das vítimas do franquismo que se localizaría nas inmediacións do antigo cemiterio de Canido --agora instituto--, na rúa Navegantes.

O grupo dispón xa dunha listaxe de persoas que debería figurar neste memorial, elaborado polos historiadores Bernardo Máiz e Xosé Manuel Suárez.

Anxo Ferreiro, un dos portavoces da Comisión --integrada ademais por Mar Sabín, Iván Rivas, Ton Branco, Suso Basterrechea e Vicente Couce--, destacou na presentación do acto que son 934 as vítimas documentadas, aínda que matizou que ese traballo de investigación non concluíu e que o número de asasinados podería alcanzar o milleiro.

Todas as vítimas, dixo Ferreiro, "teñen que estar recoñecidos nun monumento polo pobo de Ferrol, que quere facer esta homenaxe". Por iso, de maneira paralela, a Comisión Prol-Memorial reitera a súa solicitude ao Concello "para que cumpra o que prometeron".

Imaxe de arquivo dunha mobilización na ferrolá Praza de Armas. EUROPA PRESS.
Imaxe de arquivo dunha mobilización na ferrolá Praza de Armas. EUROPA PRESS.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta