Acusan ao Sergas de "prolongar xornadas e recortar o dereito ao descanso" do persoal por subida de contaxios

A CIG rexeita a "política de face á galería" da Xunta que "minimiza a saturación do sistema" e "recorta vacacións, permisos e días libres".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/07/2021 | Actualizada ás 15:48

Comparte esta noticia

CIG-Saúde denuncia que o Sergas "prolonga xornadas e recorta o dereito ao descanso" de persoal debido ao incremento dos contaxios de Covid-19 no marco da quinta onda.

A través dun comunicado de prensa, CIG-Saúde asegura que "se están recortando as vacacións do persoal, denéganselle permisos e días de libre disposición e obrígaselles a realizar horas complementarias, profundando así no esgotamento físico e mental que acumula este colectivo laboral" que, subliña, "xa non aguanta máis".

Para este sindicato resulta "tremendamente preocupante" esta "política de face á galería do goberno de Feijóo" que, puntualiza, "non ten para nada en conta ao persoal do Sergas".

Neste sentido, reprocha que se "minimiza a saturación do sistema cando todas as xerencias están a emitir instrucións para recortar vacacións, permisos e días de libre disposición" e solicitan, tanto en Atención Primaria como no dispositivo de vacinación, que se fagan horas complementarias". Respecto  destas extra, a CIG-Saúde indica que "se pagan por baixo do valor da hora extraordinaria e en moitas áreas nin sequera queren abonar o módulo de día festivo e de nocturnidade".

"Suprimir o dereito a descansar e a conciliar do persoal sanitario non indica para a Xunta que a sanidade pública estea tensionada. Será porque quen carga de verdade con esta tensión son os traballadores que despois de máis dun ano de sobreesforzo e de entrega diaria para garantir a calidade asistencia, ven como  lles seguen recortando e denegando dereitos laborais", resalta a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín.

Para a CIG a pandemia da Covid-19 "evidenciou o déficit estrutural de persoal que ten o sistema sanitario galego, tanto na Atención Primaria como na hospitalaria, así como a elevada precariedade laboral que se dá neste servizo público".

A consecuencia da esta política laboral "que o goberno do PP aplicou na última década", asegura a CIG, maniféstase "na fuxida de profesionais a outras comunidades, estados ou cara ao sector privado na procura de mellores condicións laborais e dunha estabilidade no emprego que o Sergas non ofrece".

Para este sindicato, as consecuencias desta "política de recortes e de precariedade" págana "tanto o persoal sometido a un enorme sobreesforzo, como os usuarios, a quen se lles limita o dereito a recibir unha asistencia de calidade e en condicións dignas", ademais de "ter que padecer longas listas de espera e ser derivados á privada", conclúe.

CASTRO DE REI

Nesta liña, o secretario comarcal de CIG-Saúde, David Vázquez, denunciou este martes que no centro de saúde do municipio lucense de Castro de Rei de "catro médicos só traballa un".

Unha situación "grave", lamenta este sindicato, que "os médicos teñen as axendas pechadas e neste momento só poden atender urxencias". "O peor de todo é que non sabemos si o Sergas sabe cando vai solucionar esta situación e o tempo que vai durar", abundou este sindicalista da CIG.

David Vázquez sinala que "isto é culpa da falta de previsión por parte do Sergas que se viu agravada polo aumento de casos Covid, onde en Atención Primaria teñen que facer un seguimento cunha evidente falta de recursos".

"Isto dáse a día de hoxe en Castro de Rei, e isto é unha mostra do estado da Atención Primaria en toda a provincia de Lugo, con casos idénticos noutros centros de saúde", abundou.

Por parte de CIG-Saúde tamén se fixo fincapé en que "as novas promocións de médicos saídos da facultade non quedan a traballar no sistema de saúde da Atención Primaria".

E non quedan en Galicia, xustificou Vázquez, "debido á precariedade na que se atopan e preferiren ir traballar a outros sistemas de saúde onde se atopan mellores condicións laborais e económicas".

As denuncias de falta de medios repítense en diversos centros da provincia de Lugo. Ademais, este xoves a Plataforma Sanitaria da Mariña convocou unha protesta ante a PAC de Foz.

Profesionais sanitarios traballan nun hospital. FRANCISCO HAVIA
Profesionais sanitarios traballan nun hospital. FRANCISCO HAVIA | Fonte: UNIVERSIDADE DE VIGO - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta