Campings, pendentes do bo tempo e das normas anti-COVID

Se xa o ano pasado supuxo unha baixada drástica en canto ocupación nos campings galegos, este 2021 ademais de depender do tempo para ter uns bos resultados, agora os propietarios e propietarias cren que coas novas normas anti-COVID se enlea máis o panorama. Algúns propietarios son optimistas e contan ter resultados mellores que en 2020. Aínda así, queda verán para coñecer os resultados.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 21/07/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os campings galegos están pendentes do tempo, o condicionante por excelencia das cifras positivas ou negativas destes espazos para o turismo. Desde 2019 houbo que engadirlle o condicionante da COVID ademais das condicións socio-sanitarias aprobadas para evitar dentro do posible, os contaxios e os repuntes do coronavirus. Os ERTE foron unha solución puntual que pola súa natureza non lles ofrece seguridade nin no económico nin no laboral. Con todo, as cifras varían dun camping a outro segundo localización e tipo de clientela. As cifras coas que especulaban a industria do turismo en Galicia para o Xacobeo xa non serán posibles. O obxectivo para moitos é salvar a tempada polo menos subindo as cifras do ano pasado.

Camping A Lagoa
Camping A Lagoa


CADA QUEN FALA DE COMO LLE VAI

Tradicionalmente pensamos nos campings como lugares onde poder poñer unha tenda de campaña e pasar uns días de sol e praia ou montaña. O caso é que os campings evoluíron cara espazos onde os e as usuarias poden alugar bungalows, levar autocaravanas ou alugar de maneira permanente todo o verán unha parcela para as vacacións e as fins de semana. Desde logo que as condicións climatolóxicas son o primeiro factor para ter en conta nun negocio como este. Un verán pasado por auga economicamente non se recupera de maneira fácil para a seguinte tempada, mesmo que sexan meses enteiros de sol.

En 2020, coa pandemia petando forte, os propietarios e propietarias de campings recorreron aos ERTE para poder saír adiante. Moitas destes negocios son empresas familiares que contan con empregados externos. Sen cifras concretas sobre o sector do camping, o total de persoas empregadas en turismo de aloxamento en Galicia 10.594 persoas en 2020, segundo o informe Emprego no Sector Turístico 2020. As estatísticas do  informe mostran un decaemento moi importante no emprego durante o ano pasado motivado polas medidas restritivas en canto movementos de turistas.

As expectativas logo do inicio da vacinación masiva contra a COVID deu azos á industria. Esperaban unha afluencia polo menos próxima aos números dun Ano Santo, mais a desescalada e o repunte de casos están batendo xa sobre os lugares de acampada. “En Santiago sufriremos as consecuencias da falta de turista estranxeiro” di Jesús, quen leva un camping na cidade compostelá. El mesmo describe como está a situación nestes momentos. “Houbo persoas que trasladaron as reservas de 2020 a 2021 e agora están facendo o traslado a 2022”.

Bungalow
Bungalow

Mais un dato a ter en conta tamén é localización do lugar se queremos falar de ocupación. Alejandro, que leva un camping en Vilanova de Arousa, fala de que este ano “a ocupación vai indo un pouco mellor que o ano pasado”. Preguntado sobre cal sería a porcentaxe actual de ocupación “eu diría un 60%” fronte a cifras do verán pasado que chegarían ao 50%.  Ana, pola súa parte, leva un camping perto de Porto do Son. “A tempada comeza frouxa debido ao mal tempo, a ver se cambia”. Preguntada se, en caso de mellora do tempo, espera aumentar as porcentaxes de ocupación do 2020, responde que “se temos a mesma ocupación do ano pasado creo que podemos salvar a tempada”.

RECUPERACIÓN?

O ente Turismo de Galicia, indicaba no seu balance sobre 2020 “o forte descenso da actividade no sector con carácter  xeral, intentando analizar na medida do posible diferenzas de comportamento segundo o momento  do ano, o ámbito territorial de referencia, o mercado de orixe ou o segmento da actividade en  concreto”.

A partir do primeiro estado de alarma o Goberno central activa os ERTEs para que as empresas non despidan aos e ás traballadoras. “As axudas, os ERTES, claro que os solicitamos, aquí ademais temos unha cafetaría e, aínda que somos unha empresa familiar, temos seis empregados” di Ana. Alejandro pola súa parte entende as axudas como “un remedio provisorio, o que necesitamos é seguridade para manter os nosos negocios”. “Nós acollémonos ao ERTE como a maioría, mais agora mesmo estamos traballando todo o cadro de persoal” apunta Jesús, quen sinala “as axudas non servirán para a recuperación total do sector”.

Por outra parte, entre algúns dos profesionais consultados as novas normas anti-COVID para entrar en locais de hostalaría, que tamén afectan aos camping, son cando menos “confusas”. “É un absurdo ter que mostrar unha PCR, un certificado de vacinación ou calquera outro documento para poder reservar unha mesa ou tomar algo” di Ana. “Eu o que lle pediría ás autoridades é maior claridade nas normas porque hai moita confusión entre a poboación, moitas persoas non saben que facer” di Alejandro.

O repunte da COVID estes meses está incidindo negativamente no sector dos campings. Coa vacinación e a baixa en incidencias experimentada antes do verán, había unhas boas expectativas para este verán. A iso sumábaselle a prolongación do Ano Santo até o 2022, mais a retirada do estado de alarma, a relaxación nas medidas e a irresponsabilidade de moita xente, trouxo un repunte que, a día de hoxe, preocupa moito ao sector hostaleiro e ao dos camping. A isto engádenlle que as normativas sanitarias están confundindo máis que axudando a manter unha profilaxe acaída fronte ao coronavirus.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta