Os autotest de farmacia só terán validez dentro de Galicia e se son supervisados por un farmacéutico

Os negativos en farmacia irán acompañados de "un documento acreditativo" gratuíto do resultado; non así os que se realicen en casa.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/07/2021 | Actualizada ás 17:29

Comparte esta noticia

Tras a aprobación da venda dos autotest de antíxenos en farmacias, a Xunta de Galicia e os Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia acordaron que sexan as farmacias as que "supervisen e acrediten a validez" das probas, cuxos resultados negativos só terán validez dentro da Comunidade e se a súa realización a supervisa un farmacéutico.

Así o explicou este mércores o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na rolda de prensa celebrada para explicar os cambios nas medidas e restricións da covid-19, e na que tamén se detallou o funcionamento deste novo sistema de detección de coronavirus.

A partir deste xoves, os autotest poderán adquirirse e realizarse no domicilio, ou ben na propia farmacia, onde será o farmacéutico o que "supervise" a toma da mostra, tal e como explicou o presidente do Colexio de farmacéuticos de Lugo, Alejandro Sánchez.

Os profesionais de farmacia, tras comprobar a identidade do usuario e que este firme o consentimento informado, verificarán que a mostra se toma correctamente. Posteriormente, procesarana e, de resultar positiva, introducirán os datos no rexistro informático da Consellería de Sanidade.

A partir dese momento, tal e como sinalou Comesaña, os positivos pasan ao sistema do Sergas para seguir os protocolos habituais. O conselleiro explicou ademais que, para aqueles que opten por realizar o test no seu domicilio e obteñan un resultado positivo, habilitouse un teléfono --900 400 116-- para que informen o seu estado ao servizo de saúde e "evitar sobrecargar así as Urxencias, a Atención Primaria ou os Puntos de Atención Continuada".

DOCUMENTO ACREDITATIVO

Doutra banda, as persoas que opten por realizar a proba na farmacia e que resulten negativos, obterán ademais un documento acreditativo do resultado, gratuíto e válido só para aquelas actividades restrinxidas dentro da Comunidade que requiran acreditar un negativo para o seu acceso.

"Nin sequera é un certificado, é un documento acreditativo, unha copia do rexistro do nome do cidadán, a farmacia e o resultado do test, polo que non é válido como certificado fóra de Galicia, non está contemplado como certificado europeo --como si o están o test de antíxenos que se realizan nos puntos habilitados--", asegurou Comesaña.

Ademais, o responsable de Sanidade indicou que os autotest realizados noutro lugar diferente á farmacia, aínda negativos, "non terán validez, xa que non se pode acreditar a identidade das persoas, nin o procedemento da toma da mostra".

O conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, en rolda de prensa tras a reunión do comité clínico.. XUNTA
O conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, en rolda de prensa tras a reunión do comité clínico.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta