Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/07/2021 | Actualizada ás 14:34
A Xunta de Galicia abre o prazo para solicitar as bolsas e as 223 prazas ofertadas en residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social para o curso 2021-22, das que 15 corresponden ás persoas bolseiras que non pagan a taxa.
Segundo informa nun comunicado Política Social, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este xoves a orde dirixida a persoa novas de 16 a 30 anos de idade que, por razóns de estudo ou traballo se vexan obrigadas a permanecer fóra do concello onde teñen a súa residencia habitual.
As prazas serán en réxime de internado, o que inclúe aloxamento e manutención, por un máximo de 11 meses dentro do calendario académico, excepto os períodos de vacacións de Nadal e Semana Santa.
Política Social puntualiza que en canto á distribución da oferta, 85 prazas corresponden á Residencia Altamar de Vigo; 78 co centro residencial lucense Lug e 60 coa Residencia xuvenil Florentino López Cuevillas de Ourense.
Ademais, destaca a Xunta que as residencias "están adaptadas ás esixencias de seguridade e saúde derivadas da pandemia da Covid-19 e contan con protocolos específicos para poder garantir dita seguridade.
Sobre a convocatoria Política Social puntualiza que se reserva un nove por cento das prazas en cada unha das instalacións para mozas que sufran violencia de xénero e para mozos cuxas proxenitoras a sufrisen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.