A oposición vota en bloque a favor dunha comisión que supervise o polo de innovación da Sionlla

O grupo socialista é o único que vota en contra ao esgrimir que "practicamente é unha comisión de investigación".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/07/2021 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

A proposición conxunta do BNG, Compostela Aberta e o PP de Santiago para a creación dunha comisión de estudo que "supervise e vixíe" o proxecto do polo de innovación da Sionlla, en Santiago de Compostela, foi aprobada este xoves no pleno ordinario do concello compostelán, grazas aos votos da oposición en bloque.

Todas as formacións da oposición lamentaron os atrasos na tramitación dos expedientes, a pesar de estar concedida xa a subvención de catro millóns outorgada polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), "en risco de perderse".

O concelleiro do PP, Alejandro Brunete, cualificou o atraso na incoación do expediente de concesión demanial de "vergoñoso", "sobre todo se se ten en conta que é un proxecto estratéxico no que participa o Concello". "Se pasa con isto, que ocorrerá con outros asuntos menores, pero de igual importancia para a cidadanía", preguntouse Brunete.

Pola súa banda, Goretti Sanmartín, do BNG, criticou a "irresponsabilidade" que "puido facer fracasar o proxecto, e que aínda pode". A concelleira esgrimiu que se as tres forzas da oposición teñen a mesma percepción, o Goberno local debería "reflexionar". "A creación da comisión de estudo sería unha forma de autocrítica por parte do Goberno co obxectivo de que estes problemas non volvan ocorrer", apuntou Sanmartín.

Compostela Aberta, representada por Marta Lois, criticou o "silencio administrativo" do Concello e pediulle ao alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, que "non se ampare no confuso dereito administrativo" e explique "as razóns reais polas que, durante dous años, non se moveu nada".

O alcalde de Santiago de Compostela, que contestou en representación do grupo socialista, recoñeceu que houbo "máis lentitude da desexada", pero defendeu que o Goberno local se enfrontou a "situacións novas para as que houbo que buscar encaixes administrativos e xurídicos novos".

"Non vemos situación de alarma, xa que todos os problemas se liquidaron. E non imos votar a favor do que, practicamente, é unha comisión de investigación, que non está contemplada no regulamento e á que non estamos obrigados", indicou Bugallo, que detallou ademais que "espera" que o mes que vén poida darse a licenza de cota cero para que arrinque a primeira fase das obras, "posto que o proxecto de execución non está listo aínda". "Tentamos dar solucións", concluíu o rexedor.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, visitan o parque empresarial da Sionlla. CONCHI PAZ
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, visitan o parque empresarial da Sionlla. CONCHI PAZ

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta