Por E.P. | Pontevedra | 03/08/2021 | Actualizada ás 17:34
O delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, asinou este martes coa concelleira de Promoción Económica de Pontevedra, Yoya Branco, un convenio para a realización dun plan estratéxico de Pontevedra e a súa área, tal e como o primeiro comprometera o pasado mes de marzo nunha visita á cidade.
David Regades explicou que este plan "establecerá as directrices para unha estratexia que supoña un proxecto a longo prazo" e incluirá un diagnóstico territorial, obxectivos estratéxicos e unha folla de ruta con actuacións "específicas, claras e realistas" para a mellora da competitividade económica, a calidade de vida e para crear emprego.
Ademais, subliñou que "o proceso será participativo" e organizaranse xornadas para recompilar opinións de axentes e entidades público-privadas relevantes sobre a situación actual e os retos futuros de Pontevedra, "co obxectivo de enriquecer a proposta de accións para o futuro".
Esta "folla de ruta" empezará cunha fase de diagnóstico na que se analizará a economía e o tecido empresarial de Pontevedra e da comarca. O traballo terá en conta a repercusión social e económica da crise do Covid-19 e analizará parámetros como tecnoloxía, innovación e internacionalización, a contorna política e legal, a sociedade e cultura, demografía, medioambiente e sustentabilidade, así como iniciativas de interese.
A información sintetizarase nunha matriz DAFO, unha ferramenta de estudo para determinar debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades e a partir de aí redactarase un informe final.
Ademais, realizarase unha selección de proxectos exitosos, con obxectivos similares, tanto de España como internacionais, que poidan resultar inspiradores e que se poidan aplicar, indicaron.
Finalmente elaborarase unha lista de axudas públicas susceptibles de financiar a implementación dos programas e actuacións propostas e formularanse unha batería de indicadores que faciliten a avaliación e seguimento periódico das accións e permita a toma de decisións.
De face á consecución dos obxectivos, constituirase un grupo de traballo paritario con tres representantes de cada parte. O protocolo ten unha duración de catro anos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.