Por gcdeportes | Lugo | 04/01/2014 | Actualizada ás 01:38
Crónica de Denís Iglesias (@Lvcensis)
A primeira machada puidoa dar Jandro no minuto 4 cando rematou só unha xogada de estratexia. A reacción do conxunto visitante non se fixo agardar, e uns intres despois Mediola salvaba ós seus ó parar un tiro de Juanqui. A primeira parte do meta madrileño foi de libro, e grazas ás súas intervencións o Azkar puido chegar con vantaxe ó tempo de lecer. Os goles dos lugueses neste tempo foron obra de Jandri, quen no minuto 15 logrou levar a bo porto un barullo na área rival. Este tanto deixou tocado ós peñiscolanos, que nada puideron facer no segundo tanto, anotado por Chano logo dunha magnífica xogada individual.
Tralo paso por vestiarios, o equipo branco fíxose coa batuta do encontro. Así, ós dous minutos da reanudación Uge conseguía recurtar distancias cun gol de carambola. Unha volea súa impactou no parquet para efectuar unha parábola que deixou sentado a Mendiola. A culminación da remontada chegaría a un minuto para a conclusión, cos de Ricardo Íñiguez xogando con porteiro-xogador. Así foi como Asensio batiu a Mendiola cun tiro raso que supuxo o 2-2.
O partido volvera ó seu punto inicial no último intre. Pero o Azkar logrou repoñerse deste golpe. Co cronómetro correndo perigosamente cara o cero, Chano en media cancha recuperou un balón para poñerlle un pase ó segundo pau a Antonio Diz, quen non desaproveitou esta última oportunidade.
Esta agónica vitoria deixa os de Diego Ríos provisionalmente na décima posición, con 16 puntos, a cinco dos oitos primeiros. A vindeira xornada medirase en Burela ó gran protagonista desta xornada, o Pescados Rubén, no segundo derbi lucense do curso.
Cae un inexpugnábel ElPozo
Que mellor xeito de principiar o ano que vencendo na pista do todopoderoso ElPozo Murcia. O Burela Pescados Rubén deu a badalada ao vencer 3-4 no Pazo dos Deportes, inexpugnábel ata a data. Triunfo histórico dos laranxas nun templo do fútbol sala estatal. Tras varios intercambios de golpes, os locais lograron adiantarse cun gol de Álex, pero o Burela, lonxe de se amedrentar, soubo plantar cara a ElPozo. Cunha gran presión, os bureleses conseguiron remontar antes do lecer con goles de Burrito (1-1) e do killer Matamoros (1-2).
No segundo capítulo, o Burela conseguiu amainar o envite murciano e facía dano cos seus contragolpes a un conxunto local que non se atopaba cómodo na pista. Os laranxas puideron aumentar a renda pero Rafa evitouno en varias ocasións. Co 1-2 chegouse ao tramo final cando Duda apostou polo xogo de cinco que tantas veces lle da réditos. Minutos de tolemia, incerteza e emoción. O primeiro en acertar foi o Burela, que por mediación de Burrito facía o 1-3, pero a resposta murciana chegou a través de Raúl Campos, que con dous goles igualaba o choque (3-3) a falta tres minutos. A imbatibilidade do Pazo estaba en xogo e sen medo o Burela buscou o triunfo con porteiro-xogador. A cinco segundos para o final, Mimi certificou a histórica vitoria do Burela Pescados Rubén no coliseo murciano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.