Queres saber cal é a sensación de estar perdido no medio dun gran campo de millo?

Inaugúrase un labirinto de millo como lugar de ocio na Torre, Cacheiras.

Por Galicia Confidencial | Teo | 13/08/2021 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

A concelleira de Turismo, María López, inaugurou este venres un labirinto deseñado nunha finca sementada para que "crianzas e maiores desfruten da entrañable sensación de perderse nun campo de millo". O obxectivo é que as persoas que o visiten gocen dunha actividade en contacto coa natureza e dunha xornada distinta perdéndose e buscando a saída entre mazarocas.

"Mantense así a liña desta concellaría de programar actividades no medio natural nun momento no que estas teñen unha gran demanda entre a poboación ao realizárense en espazos exteriores e abertos, considerados seguros ante a situación sanitaria actual", indica o concello a través dun comunicado.

As persoas que se acheguen ao labirinto atoparán unha parcela de arredor dunha hectárea plantada a millo, á que poderán acceder de forma libre e gratuíta, cunha entrada e carreiros intercomunicados no seu interior que levarán a unha única saída. "A sensación de pasear polo seu interior e estar perdido podendo ver unicamente plantas de millo e o ceo é ben curiosa e impresionante", indica.

Ademais, nas fins de semana, na entrada ao recinto, haberá servizo de cantina, máis concretamente os venres entre as 16 e as 20 h e sábados e domingos de 12 a 20 h. Tamén haberá, ao seu carón, unha zona habilitada para que as persoas poidan desfrutar dunha merenda campestre.

Igualmente, os xoves e venres de setembro haberá unha escape room como actividade complementaria, así como tamén está previsto que sirva de emprazamento para unha Festa de Apego durante o mes de setembro, actividades que se irán programando e anunciando na web municipal e redes sociais, tanto do Concello como da área de Turismo.

O labirinto de millo está situado nun espazo rural no lugar da Torre, na parroquia de Cacheiras, o que debe terse en conta para o acceso, localizando previamente esta instalación. Contará con baños públicos nas inmediacións. Entre as principais recomendacións para a súa utilización están que as crianzas deben manterse custodiadas en todo momento por responsables adultas e empregar os camiños habilitados para o paseo.

A concelleira de Turismo, María López, indica que "se trata dunha actividade turística de baixo impacto ambiental, que acollerá gratuitamente a todas as persoas que desexen desfrutar dunha xornada de lecer nun contorno natural". Así mesmo, tamén sinala que "foi creada coidando cada detalle e agardamos que a acollida sexa moi boa por parte de teenses e visitantes".

A localización concreta do labirinto de millo pode encontrarse a través da aplicación de Google Maps. Para máis información sobre o labirinto pode acceder á web de Turismo, ás RR.SS. de Turismo ou chamando ao teléfono 658 479 468.

Labirinto de millo inaugurado en Teo
Labirinto de millo inaugurado en Teo | Fonte: Concello de Teo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta