A encrucillada cubana

Cada certo tempo, a situación política e social na que vive Cuba ocupa lugares destacados no mundo mediático do Estado español. Nesta última ocasión, o motivo da aparición foron as protestas rexistradas nalgunhas cidades e vilas da illa caribeña por mor das dificultades que atravesa un amplo sector da poboación para conseguir os bens e servizos que precisa para facer fronte aos efectos derivados da pandemia do coronavirus.

Por Xesús Veiga | Compostela | 18/08/2021

Comparte esta noticia

Para ponderar o interese da polémica desatada no ámbito da política española a partir dos sucesos cubanos, resulta necesario diferenciar os argumentos utilizados no universo da dereita (política e mediática) dos que se manexan no seo dos sectores historicamente defensores do sistema político existente na illa.

Detención en cuba do xadrecista Arian González
Detención en cuba do xadrecista Arian González | Fonte: twitter

No primeiro caso, seguen repetíndose os vellos lugares comúns: Cuba merece ser penalizada (incrementando as importantes restricións que xa ven padecendo) para que se produza, a curto prazo, o derrocamento do réxime que naceu en 1959. Os que difunden estas ideas saben que esa táctica intervencionista non acadou, en todas estas décadas, os resultados que desexaban e coñecen, ademais, que as relacións internacionais non funcionan en base ás características dos sistemas políticos que rexen nos distintos países. A exhibición dunha impúdica hipocrisía é moeda corrente no PP, Vox, C’s e nos analistas habituais do bloque conservador: as mobilizacións rexistradas nos últimos meses en Chile ou en Colombia (con cifras importantes de persoas mortas e feridas) non mereceron a mesma reacción de belixerancia crítica que agora manifestan. Se cambiamos de continente, a dupla moral resulta escandalosa: aceitase como algo normal o que sucede en Arabia Saudí, Marrocos, Exipto e tantos outros países africanos. Non se cuestionan as relacións con China ou Vietnam (con estruturas políticas moi parecidas ás que se demonizan no país caribeño). Certamente, semellan ficar moi lonxe aqueles tempos nos que Manuel Fraga viaxaba a Cuba para visitar a Fidel Castro e Aznar non tiña problemas para acudir a Trípoli e facer negocios con Gadafi.

Na outra banda do escenario, as reflexións e os debates resultan mais atractivos no plano intelectual aínda que non teñan, necesariamente, consecuencias prácticas nas decisións que podan adoptar os actores mais directamente implicados. Como xa sinalei nalgunha outra ocasión nesta mesma páxina, as análises que se fan dende a esquerda sobre a situación cubana deben enfrontar unha dificultade de moita envergadura: a revolución de 1959 e a posterior resistencia ante ao belicoso intervencionismo dos USA converteron ao réxime castrista nun símbolo do combate liberador dos países do terceiro mundo no contexto dunha “guerra fría” que non permitía equidistancias nin sequera distanciamentos críticos. Certamente, resulta complicado discrepar con alguén que leva moito tempo sometido a un inxusto bloqueo pero é necesario distinguir os efectos provocados polo asedio exterior dos erros cometidos ou das carencias non recoñecidas. É verdade que durante décadas (os anos 60, 70 e 80 do século pasado) os dirixentes cubanos non podían pensar que a URSS ía caer como un castelo de naipes e, xa que logo, a beneficiosa dependencia económica na que estaban instalados ía provocar consecuencias negativas moi duras e de moi complicada superación. Pero, a partir dese momento, demostraron pouca capacidade para transitar por novos camiños no eido económico (por exemplo: reducir o perigoso monocultivo turístico ou promover usos produtivos agrarios para evitar a excesiva hipoteca das importacións alimentarias) e no eido político. É dubidoso que un sistema de partido único poda sobrevivir no actual contexto latinoamericano. Mais aínda: algunhas das mellores experiencias de transformacións sociais naquela área durante os últimos anos (Brasil, Uruguai, Bolivia, Ecuador...) demostraron ser compatíbeis coa vixencia de sistemas pluripartidistas. Aínda que as especificidades históricas cubanas son indiscutíbeis, as experiencias mais próximas poderían axudar na procura de fórmulas singulares que permitan manter e actualizar un nivel adecuado de diálogo e interlocución coa maioría da poboación. Precisamente, as protestas deste pasado mes de Xullo demostran que non hai canles suficientes de comunicación e negociación para buscar solucións ás demandas suscitadas.

Pensando nun horizonte temporal mais amplo, a evolución da situación cubana vai depender, loxicamente, de dous factores primordiais: a vontade e capacidade dos actuais dirixentes para acometer reformas de importancia no cadro económico e no esqueleto institucional e, por outra banda, a disposición que teña a Administración Biden para ir mudando as medidas instauradas por Trump. Polo momento, o inquilino da Casa Blanca non semella moi disposto a recuperar a vía emprendida por Obama (precisamente cando el era vicepresidente) evitando reducir a problemática da illa a unha cuestión de cálculo político para as vindeiras citas electorais ao Congreso norteamericano. É, sen dubida, unha mala nova que non estaba prevista nos prognósticos feitos para a nova etapa presidencial despois do nocivo trumpismo vivido nos últimos catro anos.

Todos os indicios apuntan a que o futuro de Cuba vai depender, en grande medida, do que suceda nos tres ou catro vindeiros anos. E, coma sempre ocorre, nada está escrito.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.