O fútbol gaélico comeza a profesionalizarse en Galicia

PuntoGal patrocinará as escolas de fútbol gaélico.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/08/2021 | Actualizada ás 12:59

Comparte esta noticia

O fútbol gaélico comeza a profesionalizarse no noso país. A Federación Galega de Fútbol (FGF) en Santiago acolleu este mediodía o acto de sinatura do acordo polo que PuntoGal se converte no patrocinador principal de Gaélico Escolas, o proxecto de formación deportiva de base da Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG).

O convenio, que amplía a colaboración do dominio con este deporte, permitirá a celebración de campus formativos sobre este deporte entre os máis novos, así como sesións e charlas informativas en centros educativos. A primeira das actividades celebrarase entre os días 23 e 27 en Gondomar. Alí, rapazas e rapaces de entre 8 e 17 anos, coñecerán as habilidades técnicas e tácticas do fútbol gaélico dun xeito ameno e divertido, mesturando xogos do propio deporte con outros de corte máis lúdico.

Este campus estará dirixido por membros do clube local, o Turonia Gondomar F.G., en colaboración con Concello de Gondomar, e contará coa presenza dos seleccionadores galegos na súa xornada final. No acto presentouse tamén a camiseta oficial das Gaélico Escolas, que levarán os participantes nestas actividades e deuse conta do proxecto en marcha dunha web informativa sobre o proxecto onde a AGFG e PuntoGal informarán sobre as actividades desenvolvidas e darán a coñecer os fundamentos do deporte.

O presidente da Asociación de Fútbol Gaélico, Ángel Negrete, destacou a trascendencia deste convenio de patrocinio que, “grazas ao compromiso continuado de PuntoGal, que se remonta ao ano 2018, podemos continuar avanzando como proxecto de referencia na escena do fútbol gaélico internacional, promocionando o nome da nosa terra e cultura por todo o mundo”.  Na súa intervención sinalou que Gaélico Escolas pretende “dar un paso adiante na implantación do fútbol gaélico en Galicia, e ser un proxecto de referencia en Europa".

A Selección Galega de fútbol gaélico.
A Selección Galega de fútbol gaélico.

Pola súa parte, o presidente de PuntoGal, Manuel González, sinalou no acto de presentación que “Con este convenio PuntoGal trata de fomentar o deporte vinculado á identidade galega. E o fútbol gaélico é unha actividade deportiva que leva o nome de Galicia por todo o mundo, e de maneira moi especial polos países de raíces celtas.”. Nese sentido, González afirmou que “Estamos seguros de que este apoio á Federación Galega de Fútbol Gaélico vai contribuír a difundir entre a nosa mocidade esta modalidade que tan ligada está ao nome de Galicia”.

O director xeral do dominio, Darío Janeiro, sinalou que PuntoGal “ve aliñados os valores do fútbol gaélico, a inclusividade, o traballo en equipo e a deportividade cos que se queren promover desde Gaélico Galego, que non deixa de ser un xeito maís de facer comunidade”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta