Arranca a oitava edición dos Premios Martín Códax da Música

Os galardóns, organizados pola asociación galega Músicas ao Vivo, supoñen o recoñecemento anual á produción musical galega.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/08/2021 | Actualizada ás 19:20

Comparte esta noticia

Adegas Martín Códax presentou a oitava edición dos Premios Martín Códax da Música nun acto conxunto celebrado este xoves en Santiago de Compostela. A iniciativa, promovida pola asociación galega Músicas ao Vivo, recoñece e dá visibilidade á produción musical galega e conta tamén co apoio do Concello de Pontevedra, anfitrión da gala, Agadic-Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra.

Presentación dos premios Martín Códax da Música 2021
Presentación dos premios Martín Códax da Música 2021 | Fonte: remitida

Esta edición contará con 17 categorías con tres finalistas cada unha, tres premios Organistrum e un galardón honorífico a toda unha traxectoria. Ademais, a organización. informa dalgunhas novidades vinculadas "ao tempo de pandemia"; así, os Premios Organistrum, que recoñecen salas, festivais e proxectos de comunicación musical, este ano só abrirán inscrición para esta última categoría.

“Non consideramos oportuno que nesta edición dos Premios Martín Códax da Música as salas e festivais sexan sometidas ao escrutinio do xurado e queremos brindarlles de xeito unánime todo o noso apoio e recoñecemento neste momento tan complexo para todos. Por iso entregarase un premio extraordinario nestas dúas categorías, outorgados directamente pola asociación do mesmo xeito que se fai anualmente co Premio Honorífico”, explicou Xiana Lastra, presidenta de Músicas ao Vivo.

A deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso, considera unha "gran

fortuna" para o público a celebración duns premios “que teñen que continuar visibilizando a creación musical galega”. Jacobo Sutil, director da Agadic, resaltou “a profesionalidade e compromiso do sector nestes tempos de incertidume" e incidiu no "papel das empresas no apoio á actividade cultural, como é o caso das Bodegas Martín Códax”.

A concelleira de Promoción da Cidade do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías, resaltou, pola súa banda, “a capacidade de resistencia e resiliencia da cultura galega" e o "orgullo" que supoñen os premios para Pontevedra. Ao acto asistiu tamén Irene Fernández, Responsable de Comunicación de Adegas Martín Códax e Rosa Bugallo, Asesora Cultural de Adegas Martín Códax.

17 CATEGORÍAS

Tal como lembrou Nastasia Zürcher, secretaria de Músicas ao Vivo, as 17 categorías musicais que se premian son: Pop e Indie, Rock, Blues, Funk e Soul, Metal, Canción de Autor/a, Músicas Urbanas, Reggae, Ska e Mestizaxe, Electrónica, Música Clásica e Contemporánea, Jazz e Músicas Improvisadas, Música Tradicional, Música Folk, Músicas do Mundo, Música Infantil, Orquestras, Grupos e Música de Verbena, Coros e Grupos Vocais e Bandas de Música Popular.

En total, estes galardóns botarán luz sobre 51 proxectos musicais galegos actuais e en

activo, para garantir así a transcendencia mediática e potencial diverso da música galega, así como a súa tradución ao mercado musical do momento, tanto o discográfico como o da música ao vivo.

PREMIOS E PRAZOS 

A inscrición para os proxectos, que comeza o vindeiro 23 de agosto pechará o 5 de setembro, é libre e gratuíta. Os procesos de selección e votación dos Premios Martín Códax da Música comezan unha vez que se pecha o período de inscrición de proxectos a principios de setembro.

Do 13 de setembro ao 2 de outubro, un xurado profesional, formado por tres representantes do ámbito da comunicación, da formación musical e da industria e dous músicos ou músicas, encárgase de avaliar e puntuar todos os proxectos inscritos. Do traballo do xurado sairá a listaxe de finalistas con 51 proxectos seleccionados, 3 por categoría. Serán as socias e socios de Músicas Ao Vivo quen votarán nunha segunda rolda, do 11 ao 24 de outubro, para escoller os proxectos premiados nesta oitava edición, que culminará nunha gala de entrega o 27 de outubro de 2021 no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta