A primeira metade condena o Compos

Os de Fredi saíron sen intensidade e encaixaron dous goles. Na segunda metade reaccionaron pero perdoaron ocasións claras para empatar e perderon 3-1. A vindeira semana reciben a un dos galos da categoría o Guijuelo.

Por gcdeportes | Compostela | 26/01/2014 | Actualizada ás 22:33

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Real Avilés:
David; Nacho López, Dani López, Gonzalo, Mikel Méndez, Pascual, Álex Arias (Matías, min. 77), Geni, Cristian (Cusi, min. 71), Borja Prieto e Ito (Javi Camochu, min. 86).
SD Compostela: Adrián; Borja, Jimmy, Castiñeiras (Diego Rey, min. 46), Catú, Santi Taboada, Jordan (Nacho, min. 81), Yahvé, Joselu, Peláez e Jacobo (Fondevila, min. 45)
Goles: 1-0: Álex Arias (min. 18). 2-0: Cristian (min. 38). 2-1: Jordan (min. 54). 3-1: Camochu, (min. 86).
Árbitro: Cartóns Amarelas a Cristian (min. 61) no Real Avilés e a Santi Taboada (min. 68) e a Yahvé (min. 75) no Compostela.
Incidencias: partido da 23ª xornada de 2ªB no estadio Ramón Suárez Puertas.

Non puido ser. O Compos non puido dar continuidade ao triunfo da pasada xornada fronte ao Marino, e acadar a primeira vitoria fóra da casa. Caeu 3-1 nun partido no que estivo desaparecido na primeira metade. Na segunda, houbo melloría, grazas sobre todo aos cambios. Pero a puntería de cara ao gol foi a de costume, e o equipo galego non foi quen de empatar cando tivo ocasión, en parte por culpa de David, o gardarredes local que evitou con grandes intervencións que chegara o empate do equipo galego.

Con Gonzalo sancionado, Fredi viuse obrigado a colocar no terreo de xogo a Santi Taboada a carón de Yahvé no eixo da medular. Esta alternativa táctica non evitou que a Esedé saíra durmida ao céspede do Ramón Suárez Puerta. Sen ideas, sen ritmo e sen profundidade non foron capaces de levar perigo a porta avilesina. Os locais aproveitaron a circunstancia e con tan só tres ocasións claras bastoulle para deixar o partido de cara para os seus intereses. Nunha xogada individual Álex Arias conseguía cun gran disparo cruzado abrir o marcador. Pouco despois Ito tiña un man man con Adrián perfectamente resolto polo porteiro branquiazul. E no minuto 38 chegaba o segundo gol. Cristian, titular en detrimento do ex celeste Camochu, cun espectacular remate de escorzo dende a frontal facía o 2-0 e asestaba un duro golpe a moral santiaguesa.

No intermedio, o técnico de Moaña deixou no vestiario a Jacobo e Castiñeiras, e deu entrada a Diego Rey e a Fondevila. Estes trocos cambiaron a cara dos picheleiros que atoparon durante media hora a súa mellor versión. Con combinacións e un ritmo rápido pechou ao Avilés na súa área e a piques volteou o marcador. Nunha gran xogada Jimmy combinou con Diego Peláez, que asistiu a Joselu quen rematou ao traveseiro, e Jordan aproveitou o rexeitamento para acurtar distancias. O Compos creu nas súas posibilidades e tentou buscar o empate. Peláez rematou alto tras unha xogada con Fondevila. Jimmy e Jordan tiveron dous remates consecutivos nunha mesma acción na que entre David e a defensa evitaron o empate. E Peláez novamente rematou so pero novamente o porteiro asturiano solucionou a situación. O gol non chegaba e de a poucos o ímpeto do Compos foise apagando. Xa no remate Adrián errou no despexe dunha falta lateral e un recén entrado Camochu fixo 3-1 definitivo.

Con esta derrota, o Compos queda no posto 14º con 25 puntos, un por riba do posto de promoción que ocupa a SD Logroñés. A vindeira xornada recibe en San Lázaro o Guijuelo.

Crónica de José Ángel Santoveña (@JoseA_Santovena)

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta