As obras da Xunta para a PO-546 comezarán próximo verán coa fase de acondicionamento na parroquia de Estribela

Este tramo da vía, moi urbanizado e con características fundamentalmente urbanas, rexistra un tráfico de máis de 5.500 vehículos ao día.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/09/2021 | Actualizada ás 16:24

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, informou este luns de que a primase fase de acondicionamento da estrada PO-446, máis coñecida como a estrada vella de Marín, empezará a executarse o próximo verán. Os traballos contarán cun período de execución de 12 meses.

Nunha rolda de prensa celebrada este luns na delegación territorial da Xunta en Pontevedra, Ethel Vázquez, indicou que esta obra, "moi demandada desde hai tempo", sométese a partir de agora a información pública, tal e como recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia. Os afectados poden presentar as súas achegas desde o martes 21 de setembro e ata o próximo 3 de novembro.

A conselleira informou que a Xunta investirá 870.000 euros en reforzar a seguridade viaria ao longo dun tramo de 500 metros da vía autonómica, desde a glorieta de acceso ao Porto de Marín, na parroquia pontevedresa de Estribela. "É unha actuación complexa e por iso levamos tempo buscando solucións", declarou.

Este tramo da vía, moi urbanizado e con características fundamentalmente urbanas, rexistra un tráfico de máis de 5.500 vehículos ao día. O proxecto suporá expropiar 12 leiras. Os técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas reuniranse esta mesma semana cos veciños, nun encontro no que recollerán tamén as súas demandas. Ethel Vázquez indicou que o obxectivo da Xunta é licitar as obras no primeiro trimestre do próximo ano e poder iniciar as obras xa no verán de 2022.

A conselleira destacou que con este proxecto ampliaranse as beirarrúas ata un mínimo de dous metros para facilitar os desprazamentos a pé e gañar accesibilidade. Ademais, levará a cabo a ampliación puntual da estrada nalgún punto, polo que será preciso construír unha estrutura en voladizo e un muro de contención, demoler edificacións en ruína e desuso, e executar un recheo.

Ademais, disporanse 26 luminarias de menor consumo, habilitaranse tres pasos de peóns sobreelevados, con iluminación intelixente e renovaranse as marquesiñas. Os traballos completaranse, finalmente, co fresado e estendido do firme, a reposición da drenaxe e dos servizos afectados e a sinalización das marcas viarias.

Ethel Vázquez anunciou tamén que a súa Consellería adxudicou un estudo do tráfico global da estrada e da súa contorna, co fin de actuar no resto da vía onde se quere habilitar unha senda peonil e ciclista, crear zonas de aparcadoiro disuasorio e mellorar as paradas do transporte público.

Rozas de estradas. XUNTA
Rozas de estradas. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta