O Parlamento reúne as tres primeiras deputadas de Galicia nun coloquio sobre a igualdade

Terá lugar o vindeiro luns.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2021 | Actualizada ás 14:36

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia celebrará o vindeiro luns unha xornada no que se abordará o reto e o camiño da igualdade, un foro que se enmarca na conmemoración do 40 aniversario do Estatuto de Autonomía de Galicia e que pretende abordar "catro décadas de autogoberno" baixo a perspectiva da "igualdade, un camiño sen retorno".

A xornada será inaugurada polo presidente do Parlamento, Miguel Santalices, ás 10,00 horas e, a continuación, terá lugar unha mesa redonda na que se reúnen tres primeiras deputadas do Lexislativo galego: María del Carmen Lovelle Alén (da primeira lexislatura, por Alianza Popular); Rosa Gómez Limia (da segunda lexislatura, por parte do PSOE); e María Pilar García Negro (da terceira lexislatura, por parte do BNG).

A mesa redonda, na que terá lugar un coloquio tras dez minutos de intervención de cada unha das relatoras, estará moderada pola xornalista de RNE Galicia Cruz Mato, experimentada profesional da Cámara galega.

A continuación e en formato similar celebrarase unha mesa redonda que reúne a mulleres do mundo da empresa, ciencia e deporte. Serán Adriana Domínguez, presidenta executiva do grupo Adolfo Domínguez; Carmen Lence, conselleira delegada de Leite Río; Lina Solla Sanmartín, presidenta do consello regulador do mexillón en Galicia; María José Alonso Fernández, investigadora e catedrática de farmacia e tecnoloxía farmacéutica; e Tamara Echegoyen Domínguez, regatista e medallista olímpica. A mesa estará moderada pola presidenta de Executivas de Galicia, Carla Reyes Uschinsky.

A xornada contará en clausura coa intervención da conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o presidente do Parlamento, Miguel Santalices. A Cámara galega continúa así coas actividades relacionadas cos 40 anos da autonomía galega, no marco das cales se celebrou un repaso da influencia da prensa, así como vén de abrir unha exposición coas caricaturas de Siro López, que doou os seus orixinais aos fondos do Pazo do Hórreo.

Fachada principal do Pazo do Hórreo, sede do Parlamento de Galicia / Parlamento de Galicia. / Europa Press
Fachada principal do Pazo do Hórreo, sede do Parlamento de Galicia / Parlamento de Galicia. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta