O Sergas administrará este mércores 6.574 terceiras doses da vacina contra a covid-19 en residencias

O obxectivo inmunizar este colectivo nunhas dúas semanas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/09/2021 | Actualizada ás 19:37

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) arrincará este mércores a administración de terceiras doses en residencias de todo o territorio galego. En total, poranse 6.574 inxeccións para reforzar a inmunidade dos maiores, segundo datos proporcionados polas sete áreas sanitarias.

Neves Cabo minutos antes de recibir a terceira dose de Pfizer, ou dose 'extra', na residencia Santiago Porta do Camiño, a 21 de setembro de 2021, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia (España). Neves Cabo, a primeira galega en recibir un. César Arxina - Europa Press
Neves Cabo minutos antes de recibir a terceira dose de Pfizer, ou dose 'extra', na residencia Santiago Porta do Camiño, a 21 de setembro de 2021, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia (España). Neves Cabo, a primeira galega en recibir un. César Arxina - Europa Press | Fonte: Europa Press

A primeira dose 'extra' contra o coronavirus recibiuna este martes Nieves Cabo, unha usuaria do xeriátrico Porta do Camiño de Santiago quen en decembro de 2020 xa se converteu na primeira persoa vacinada contra a covid en Galicia.

Así, desde este mércores os equipos de vacinación do Sergas iniciarán unha nova andaina por residencias co obxectivo de inmunizar este colectivo nunhas dúas semanas, segundo estimacións da Xunta.

Na área de Santiago-Barbanza, os equipos de vacinación desprazaranse ata xeriátricos da capital e dos concellos de Teo, Brión, Oroso, Ribeira, Noia e A Pobra do Caramiñal para pór un total de 1.440 doses.

Na de Vigo, está previsto que se administren as vacinas 'extra' a 909 usuarios de oito residencias: Santa Teresa da Cañiza; A nosa Señora do Rosario de Valeixe, en Covelo; San Pedro de Crecente; Domusvi Cangas; Vila do Conde de Gondomar; e os dous CRAPD do Meixoeiro, na cidade olívica.

En canto a Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, os equipos de vacinación porán 1.300 inxeccións nun total de 27 residencias. Na de Lugo-A Mariña-Monforte serán 1.600 repartidas por xeriátricos de toda a área.

Finalmente, na da Coruña-Cee inxectaranse 609 terceiras doses en cinco xeriátricos, mentres que na área ferrolá serán 215 vacinas as administradas.

O Sergas volveu escoller a residencia Porta do Camiño para arrincar este martes a campaña da dose 'extra', que chegará a case 30.000 persoas que viven en centros sociosanitarios. A elas hai que sumar outros 15.000 pacientes inmunodeprimidos que, como grupo vulnerable, xa empezaron a recibila a semana pasada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta