Xunta e comité de Vestas pactan unha mesa industrial á que convidan a Goberno central e empresa

Lorenzana instará por carta á empresa a pospor o inicio formal do ERE para buscar solucións que garantan o emprego.

Por Europa Press / Redacción | Lugo | 27/09/2021 | Actualizada ás 19:18

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia e os traballadores de Vestas acordaron este luns a creación dunha mesa industrial para identificar "posibles solucións" que permitan manter o emprego na factoría de Viveiro, segundo informa a Consellería de Economía.

Xunta e comité de Vestas pactan unha mesa industrial
Xunta e comité de Vestas pactan unha mesa industrial | Fonte: Xunta de Galicia.

Pola súa banda, o comité de empresa sinalou que esta decisión sería "comunicada no día de hoxe --por este luns-- a Vestas co fin de non comezar o período de consultas no día previsto", que é este martes 28 de setembro.

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Francisco Conde, reiterou na reunión, celebrada na delegación territorial da Xunta en Lugo, "o ofrecemento a colaborar co Goberno na procura dunha solución para Vestas para abordar conxuntamente o proceso de negociacións do ERE e, a partir de aí, traballar tamén sobre o futuro industrial e o mantemento do emprego", indica a consellería.

Mentres, o presidente do comité, David Mariño, destaca que solicitaron a intervención da administración galega neste proceso e acordaron a constitución dunha mesa industrial na cal "se lle dará participación a Vestas e ao Goberno do Estado para buscar unha alternativa industrial ao ERE anunciado".

Pola súa banda, Economía concreta que a mesa se creará entre os sindicatos, o comité, o Goberno central --a través do Ministerio de Industria e o de Transición Ecolóxica-- e a propia Xunta.

Engade que a Administración e os traballadores trasladaranlle esta idea por carta ao Executivo central "para que poida identificar tamén as oportunidades e traballar así conxuntamente na procura de solucións".

Ao encontro en Lugo tamén asistiu a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e nel o Executivo galego reiterou "que seguirá estando en todo momento ao seu lado para esixir alternativas á empresa, que --incide-- ten que reconsiderar a súa postura totalmente ilóxica e incoherente".

A AUTORIDADE LABORAL VELARÁ POLOS TRABALLADORES

"A autoridade laboral, do mesmo xeito que fixo no caso de Alcoa, velará por que os dereitos dos traballadores sexan respectados durante todo o proceso", compromete a Xunta.

Así, a conselleira Lorenzana prometeu que remitiría este mesmo luns unha carta á empresa instándoa a pospor o inicio formal do ERE para buscar solucións que garantan o emprego da mesa industrial recentemente constituída.

Conde, que manifestou o contacto da Xunta con "todas as partes implicadas no proceso", recoñeceu que, en pleno auxe das enerxías renovables, o anuncio de Vestas "non se entende", polo que "queda en evidencia" que a empresa "non ten argumentos que sosteñan a súa decisión".

"Estamos ante unha situación totalmente inxusta. Non é posible explicar a decisión nun contexto de transición enerxética no que haberá oportunidades para desenvolver proxectos eólicos e, por tanto, para que desde a industria se poida dar esa resposta", advertiu. A medida "parece máis unha escusa que unha realidade", incidiu.

Neste contexto, pediu ao Goberno central "que se comprometa ao 100%, unha verdadeira implicación que --na súa opinión-- hoxe volveu quedar en cuestión ao non acudir o Ministerio de Industria a este encontro cos traballadores".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta