Os ríos galegos, en bo estado xeral pero degrádase o bosque de ribeira

O Aríns, Chanca, Mero, Limia, Lagar e Esteiro son os máis contaminados. Máis da metade das marxes de río estudadas presentan alteracións importantes e moi degradadas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 12/02/2014 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Os ríos galegos atópanse nun bo estado de saúde, en termos xerais, pero degrádase paulatinamente o bosque de ribeira, segundo a conclusión do informe "Proxecto Ríos 2013" presentado pola organización ecoloxista Adega.

Río Navia
Río Navia

Neste informe, realizado por 271 grupos de voluntarios, e que contou co apoio de Augas de Galicia, o Instituto de Estudos do Territorio (Iet) e a propia Xunta, destacasa unha tendencia cara un estado bo dos ríos galegos. A porcentaxe de treitos con calidade deficiente mantense como en 2012, e corresponden aos ríos Aríns, Chanca, Mero e Limia en primavera e o Lagar, Esteiro e Limia en outono.

Ningún treito estudado en 2013 amosou unha calidade biolóxica mala. Pero o pasado ano non se estudaron os ríos Lagares, Sar e Louro, que eran os que presentaban un estado de saúde malo en 2012.

A bacía máis estudada é a das Rías Baixas, que acada unha porcentaxe do 49% das inspeccións realizadas. A porcentaxe restante repártese entre as do Miño (20%), Arco Ártabro e Fisterrá (20%), as do Limia-Douro (4%) e as bacías que verten ao Cantábrico (7%).

Lixeira melloría na calidade dos ríos

Adega destaca que o estado de saúde dos treitos analizados en 2013 foi nun 52% moi bo na campaña de primavera e nun 33% en estado bo; en outono o 39% estiveron en estado bo, e estado moi bo outro 40%. 

Ademais, o informe recolle treitos con saúde moderada (9% en primavera; 19% en outono) e deficiente (6% en primavera; 5% en outono). "Pódese concluir que a calidade da auga nos ríos estudados polo voluntariado en 2013 mellora lixeiramente con respecto a 2011 e 2012", apunta Adega.

Prosegue a degradación dos bosques de ribeira

Sen embargo, e en contraposición á boa saúde dos ríos, baixa a dos bosques de ribeira que é outro parámetro que serve para establecer a saúde dos cursos fluviais. Máis da metade dos treitos estudados presentaban as súas marxes con alteracións importantes e moi degradadas, especialmente, os ríos Corgo, Zamáns, Lagar ou Limia entre outros.

Así, nos últimos anos establecíase unha tendencia cara a degradación das marxes dos nosos ríos, que en 2013 continúa. As marxes moi degradadas en primavera supoñen un 15% do total e en outono un 25%. Ademáis, nos treitos con alteracións importantes houbo un ascenso a costa das marxes moi degradadas, que descenderon. 

"A perda e o empobrecemento da vexetación de ribeira é un feito que se ven constatando ano tras ano. Se ben mellorou a calidade da auga, no bosque de ribeira segue a amosar un deterioro constante", denuncia Adega.

Calidade do hábitat fluvial

En canto á calidade do hábitat, os datos aportados polo voluntariado revelaron que, nos treitos estudados, o hábitat estaba ben constituído nun 56%, con alteracións nun 38% e empobrecido nun 6% na campaña de primavera. En outono, as porcentaxes se distribúen do seguinte xeito: ben constituído, 50%; con alteracións, 48%; empobrecido, 2%. 

Os valores da calidade do hábitat en 2013 son moi parecidos aos obtidos en 2012. Aínda que os resultados amosan que a maioría dos treitos teñen o hábitat ben constituído, a presenza de hábitats con alteracións e empobrecidos infórmanos de que moitos dos ríos estudados atópanse nunha situación incerta en canto á súa evolución, xa que para revertir a situación de degradación sería preciso desenvolver accións concretas de recuperación. 

Os ríos que discorren por por vilas e cidades, como o Limia, Mero, Aríns e Esteiro son os que amosan estados de saúde máis delicados pola forte presión humana á que están sometidos. Aqueles treitos próximos á desembocadura, onde a corrente de auga perde velocidade, adoitan acumular máis contaminantes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 saldo

Un bo traballo o que están realizando ADEGA e o seu Proxecto Rios. Adiante