O Centro Dramático Galego e o sector teatral impulsan unha bolsa de creación con apoio da AGADIC

A compañía seleccionada no proceso aberto deberá confeccionar unha montaxe baseada na obra 'Relato dun incendio', de Ernesto Is, gañador da primeira fase desta iniciativa, segundo detallou a Consellería de Cultura.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/10/2021 | Actualizada ás 17:53

Comparte esta noticia

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), dependente da Xunta, coproducirá un espectáculo no marco da Bolsa de Dramaturxia e Creación impulsada polo Centro Dramático Galego (CDG) con apoio do sector teatral e cultural.

A compañía seleccionada no proceso aberto deberá confeccionar unha montaxe baseada na obra 'Relato dun incendio', de Ernesto Is, gañador da primeira fase desta iniciativa, segundo detallou a Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

A través desta segunda fase, a proposta escollida recibirá unha contía de ata 12.000 euros para a posta en escena do espectáculo, aínda que a achega non poderá superar o 80% do orzamento da produción. Ademais, o prazo de execución dos contratos formalizados será de 12 meses desde a adxudicación.

En concreto, esta convocatoria está dirixida a profesionais das artes escénicas que desenvolvan a maior parte da súa actividade en Galicia. Os particulares ou compañías poderán remitir a súa solicitude mediante o modelo xenérico dispoñible na sede electrónica da Xunta ata o próximo 25 de outubro.

Así mesmo, deberán acompañar a solicitude dunha memoria de dirección e unha ficha de produción que inclúa datos da compañía, a dirección do equipo artístico, os meses de produción e a data prevista da estrea. Adicionalmente, requirirase información do interese cultural e artístico do proxecto, as súas estratexias de difusión, o seu orzamento e o apoio doutras estruturas na coprodución e o financiamento

A valoración será realizada por unha comisión que presidirá o director do Centro Dramático Galego e que estará conformada por representantes de colectivos adheridos á iniciativa.

Obra de Teatro en Ames. XUNTA
Obra de Teatro en Ames. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta