Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/10/2021 | Actualizada ás 18:07
A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) insiste no seu rexeitamento a que Ence continúe en Lourizán, xa que considera que o informe do Consello Consultivo de Galicia a favor de adscribir a pasteira ao Porto de Marín "non cambia nada".
A través dun comunicado asinado polo seu presidente, Antón Masa, a APDR lamenta non coñecer "na súa integridade" este documento do Consultivo que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, levou o xoves a unha reunión coa ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera.
Neste contexto, a asociación recalca que o informe "non pode sortear as sentenzas da Audiencia Nacional" que anulan a prórroga da concesión concedida polo Goberno de Mariano Rajoy en 2018. Ademais, Masa recalca que o documento "non vincula a ninguén e moito menos ao Ministerio de Transición Ecolóxica".
Nesa reunión, tal e como anunciou Feijóo ao termo, a ministra comprometeuse a que a pasteira quede en Galicia, a pesar de que o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, xa constatou a "inviabilidade xurídica" de que os terreos de Lourizán se adscriban ao porto e a pasteira se sitúe no seu emprazamento actual.
"Contrariamente ao que nos quere vender o presidente Feijóo, o único avance da situación non supón un cambio de actitude por parte do Ministerio e moito menos un triunfo das posicións da Xunta", sinala a APDR. De feito, o presidente da asociación asegura que foi o Goberno galego o que fixo un "cambio de posición" porque "admite agora un posible traslado fóra de Lourizán volvendo ás posicións que mantiñan no ano 2012".
Así a todo, a APDR está convencida de que as sentenzas que anulan a prórroga da concesión "se farán firmes" e o tempo de Ence na súa actual localización "chegaría ao seu fin, abríndose unha xanela de esperanza a un futuro para a ría".
PP DE PONTEVEDRA
Por outra banda, o presidente do PP local en Pontevedra, Rafa Domínguez, considera que o informe do Consello Consultivo demostra que adscribir Ence ao porto "ten encaixe legal". "Vimos traballando para que centos de familias non perdan os seus recursos e para que a cidade de Pontevedra non perda a maior empresa da nosa contorna", dixo este sábado Domínguez, destacando o labor da Xunta e do seu presidente.
E é que, para o líder do PP na cidade, "non ten sentido que siga habendo administracións que se opoñan ao emprego e a que miles de familias" de Galicia "vexan o seu futuro perigar por un posicionamento político ideolóxico". "Agora temos a solución política, pero fáltanos a decisión política. Non existe agora impedimento para que a empresa siga onde está, non hai obrigación de mandar a 400 familias ao paro, non hai que seguir falando de demolición", subliñou o popular, quen insistiu en que "se Ence non segue onde está é por culpa do PSOE e do BNG".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.