Os sindicatos, escépticos ante a gratuidade das gardarías: "Hai que reforzar a rede pública"

O sector cre que a medida "igualará" acceso. Dende o ámbito da psicoloxía defenden manter a educación diferenciada ata os 3 anos e remarcan o impacto da escolarización nesta etapa no "desenvolvemento" das crianzas.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 24/10/2021 | Actualizada ás 12:58

Comparte esta noticia

O sector das escolas infantís considera que a gratuidade destes centros anunciada pola Xunta para o próximo curso "igualará máis" o acceso das crianzas de distintos niveis socioeconómicos, mentres os principais sindicatos avogan por un reforzo da rede pública.

En declaracións a Europa Press, o vicepresidente da Asociación Galega de Escolas Infantís (Agadei), Fernando Rolán, celebrou a futura aplicación desta medida, que se estenderá a centros públicos, privados e de iniciativa social, así como municipais de concellos que estean ao día nos seus pagos ao Consorcio Galego de Igualdade de Benestar --os únicos con débedas son Vigo, A Coruña e Betanzos--. Precisamente, sinala que Galicia é "unha das comunidades con maior taxa de escolarización" na etapa de 0 a 3 anos, onde alcanza o 42,9%, segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Deste xeito, prevé que se poderá "igualar máis" o acceso ás escolas infantís de crianzas en distintas situacións socioeconómicas, así como favorecer a "liberdade de elección" de centros. Precisamente, indica que existen familias que non conseguen prazas en centros públicos pero non acceden aos privados polo custo que comportan. Con todo, recalca que estes últimos "non están cheos", polo que a rede de escolas infantís de Galicia será "suficiente" para atender a demanda aínda que esta se incremente debido ao anuncio do Goberno galego.

Rolán tamén confía en que o método de pago fraccionado vixente para custear a gratuidade das prazas a partir do segundo fillo se modifique cando esta se estenda a todo o alumnado. En canto ao custo da medida para a administración, remarca que o beneficio que comporta "será maior" e permitirá que "desaparezan as prazas concertadas", o que suporá que o aumento do gasto "non sexa tan elevado" como se prevé.

ESCEPTICISMO DE SINDICATOS

As secretarías de Igualdade e Muller dos principais sindicatos acolleron o anuncio da Xunta con escepticismo e, aínda que "a priori" ven beneficiosa a gratuidade nas escolas infantís, cuestionan que non se faga unha aposta para reforzar a rede pública destes centros.

Así, Marga Curral, da CIG, critica que a medida exposta inclúa a subvención de prazas privadas ou concertadas "no canto de aumentar as prazas públicas e mellorar a situación laboral do persoal destas escolas". "Precisamente o feito de que se estenda a gratuidade ás escolas privadas reflicte que non hai suficientes prazas públicas", lamenta, mentres denuncia a "paralización" no proceso de expansión dos centros 'Galiña Azul'.

A CIG avisa así de que, se a Xunta busca "vender" a medida como unha ferramenta de conciliación para axudar ás familias, "debe lembrar que a conciliación non é só necesaria de 0 a 3 anos".

Mamen Sabio, secretaria de Muller e Igualdade de CC.OO. en Galicia, aplaude o anuncio, pero matiza que "haberá que ver como se traduce e con que recursos" porque "a oferta pública de prazas é claramente insuficiente". Ademais, recalca que estas accións deben "acompañarse" por políticas que favorezan a corresponsabilidade en empresas.

Trindad Campos, secretaria de Igualdade de UGT Galicia, recibe con cautela o anuncio, e lembra que estas iniciativas deben abordarse na mesa de diálogo social, no ámbito da corresponsabilidade e os servizos sociais. En todo caso, buscará coñecer "como se vai a configurar o servizo", e reclama un enfoque "público e de calidade" complementado con outras medidas sociolaborais.

ÁMBITO RURAL

A presidenta da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur) de Galicia, Verónica Marcos, apunta que a gratuidade das escolas infantís "é unha boa medida", aínda que "pensada máis para o ámbito urbano". Respecto diso, lembra que, en xeral, "faltan escolas para crianzas de 0 a 3 anos" e, en zonas do rural, esa carencia acentúase, xa que apenas hai centros en localidades de menos de 2.000 habitantes.

Marcos valora proxectos como as 'casas niño', aínda que "dependen da iniciativa privada" e conclúe que "está ben" que as escolas infantís sexan gratuítas, "pero o que debería haber son máis escolas". Tamén o vicepresidente de Agadei cre que a iniciativa das 'casas niño' "funciona ben e ten que potenciarse", pero remarca que a maior parte destes centros se sitúan no ámbito urbano porque é onde se rexistra a demanda.

"IMPRESCINDIBLE E MOI RENDIBLE PARA O SISTEMA"

O psicólogo José Cardama, do gabinete vigués ARCA, ve a gratuidade do servizo "imprescindible" e "moi rendible para o sistema". De feito, insiste en que a etapa de 0 a 3 anos "é a máis importante do desenvolvemento" e é fundamental "coidala" dada a súa faceta "preventiva", ao permitir a detección precoz de problemas. Sobre ese punto, aposta por incrementar recursos e equipos de Atención Temperá.

Tamén asegura que "non debería haber un problema de oferta" aínda que se incremente a demanda, posto que, á marxe das escolas públicas, as privadas "irán aparecendo alí onde sexan necesarias". "O problema será se hai demanda", puntualiza, á vez que alerta de que "cada vez hai menos nenos".

Así mesmo, advirte sobre a hipótese de que o anuncio do Goberno galego leve aparellados cambios no sistema, como a posible incorporación de crianzas de 2 anos á etapa de educación infantil nos colexios, o que "sería un erro tremendo". Este experto explica que é fundamental que os nenos de 3 anos se manteñan nas escolas infantís, un ámbito máis reducido e cunha atención máis especializada e enfocada ao seu desenvolvemento.

Pola súa banda, o presidente da Asociación Mundial de Educadores Infantís (AME-WAECE), Juan Sánchez, ve "moi importante" a aposta pola gratuidade desta atención, pero entende que debe limitarse ás escolas infantís dado que dispoñen de "instalacións e profesionais adecuados". Adicionalmente, avisa de que algúns colexios permiten a inscrición desde os 2 anos a pesar de que, na súa opinión, "non son adecuados" dada a etapa de desenvolvemento na que se atopan os menores a esa idade e as instalacións que precisan.

ATENCIÓN "MÁIS ALÓ DA FACETA ASISTENCIAL"

Neste sentido, José Cardama apunta que as escolas infantís demostraron que a súa atención "vai moito máis alá da faceta asistencial e do coidado", e forma parte da educación. Por iso, reivindica a importancia destes centros nun contexto con "cada vez menos nenos" e no que, debido á pandemia e á permanencia dos menores nas súas casas, se incrementaron os problemas de desenvolvemento vinculados sobre todo á linguaxe e a comunicación.

Ademais, a vogal da sección de Psicoloxía Educativa do Colexio oficial de Psicoloxía de Galicia Nuria Lago considera que a atención en escolas infantís "non está rifada" con outros centros como as ludotecas, que favorecen a "conciliación". Con todo, avoga por un acceso "universal" ás primeiras dado que na etapa de 0 a 3 anos "sentan as bases do posterior desenvolvemento a todos os niveis" das crianzas, que deben "estimularse e acompañarse" desde todos os ámbitos.

A pesar de que "non hai un momento ideal" no que se deba comezar a integración nunha escola infantil, defende que debe ser "progresiva" e "sostida no tempo". No entanto, esta psicóloga educativa avisa de que os beneficios destes centros poden "ser menores" se unha aula conta con "unha gran cantidade de nenos de diferentes idades" ou esta está "saturada".

Un alumno de Educación Infantil e Primaria, no inicio do curso escolar 2021-2022 / María José López - Europa Press - Arquivo. / Europa Press
Un alumno de Educación Infantil e Primaria, no inicio do curso escolar 2021-2022 / María José López - Europa Press - Arquivo. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta