Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2021 | Actualizada ás 19:40
O candidato a revalidar a Secretaría Xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reivindicou o seu compromiso coa igualdade real entre homes e mulleres e avanzou a creación dunha escola de feminismo no Partido Socialista de Galicia.
Gonzalo Caballero participou este martes nun encontro con militancia socialista de Ourense, dentro da súa campaña de face ás primarias, un acto no que presentou o seu proxecto e do que informou a súa candidatura nun comunicado.
Desde alí, reivindicou o seu compromiso coa igualdade, unha dos "sinais de identidade do seu proxecto" que, segundo indicou, caracterízase pola defensa do galeguismo, do ecoloxismo e do feminismo, así como por "manter unha clara orientación de esquerdas" e un "claro compromiso ético e de ejemplaridad pública".
Neste sentido, Gonzalo Caballero anunciou a creación dunha escola de feminismo no PSdeG, como un espazo para reflexionar e contribuír á sensibilización e á formación en relación coa igualdade de homes e mulleres.
"Temos que seguir profundando na defensa do feminismo como un alicerce básico da democracia. Porque non avanzaremos como sociedade se a metade da poboación non ocupa o lugar que merece", defendeu o socialista.
"COA FORZA DA MILITANCIA"
"Coa forza da militancia, xuntos e xuntas impulsaremos un PSdeG forte, de esquerdas, galeguista, feminista e ecoloxista que sexa a alternativa gañadora ao PP en Galicia", sinalou Gonzalo Caballero.
Por iso, apelou a un "voto masivo e en conciencia" da militancia socialista. "Coa forza da militancia, o PSdeG é imparable", concluíu para deixar claro en Ourense que "os e as socialistas están fronte ás políticas de Feijóo e Baltar sen medias tintas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.