Investigado un alto cargo da Xunta por filtracións de ácidos da antiga mina de Monte Neme

Asociación Petón do Lobo presentara tamén unha denuncia pola rotura en 2014 da balsa de Monte Neme, explotación mineira xestionada pola empresa Leitosa, disolta en 2015.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/10/2021 | Actualizada ás 14:29

Comparte esta noticia

Un xulgado da localidade coruñesa de Carballo mantén aberta unha investigación contra o xefe de servizo de Enerxía e Minas da Xunta, Juan José Iglesias, pola súa responsabilidade nun posible delito ecolóxico relacionado con filtracións de metais pesados procedentes das balsas de auga da antiga mina de Monte Neme.

O responsable do Goberno autonómico acudiu a declarar o pasado mércores ante o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 1 de Carballo, que instrúe a denuncia presentada pola Asociación Petón do Lobo.

O xulgado mantén a investigación por un posible delito contra os recursos naturais e o medio ambiente, vinculado a un delito continuado por verteduras de drenaxes acedas de mina con "altas cantidades" de metais pesados ao medio ambiente.

A denuncia está vinculada á restauración da antiga explotación mineira situada no monte da comarca de Bergantiños e, en concreto, ás filtracións que se producen a través de dous tubos de drenaxe. A Asociación Petón do Lobo presentara tamén unha denuncia pola rotura en 2014 da balsa de Monte Neme, explotación mineira xestionada pola empresa Leitosa, disolta en 2015.

En todo caso, o xulgado desestimou, nun auto emitido en xuño deste ano 2021, a investigación polo delito ecolóxico do fallo crítico sufrido pola balsa en 2012, que deixou unha vertedura de 24.000 metros cúbicos de auga e lodos sobre as parroquias coruñesas de Razo da Costa (Carballo) e Aviño (Malpica).

E é que a denuncia presentada por estes feitos produciuse en decembro de 2020, transcorridos o cinco anos establecidos por lei para a prescrición dos delitos castigados con ata cinco anos de prisión, como o relativo ao fallo rexistrado en Monte Neme en 2014.

Balsas mineiras na zona de explotación de áridos en Monte Neme, entre Carballo e Malpica (A Coruña). SALVEMOS A CABANA
Balsas mineiras na zona de explotación de áridos en Monte Neme, entre Carballo e Malpica (A Coruña). SALVEMOS A CABANA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta