O PPdeG pedirá que o Goberno central interveña de forma temporal Alcoa

Pedirán tamén no pleno da Cámara Galega que o Executivo central se implique no Pacto de Estado por Ferrol.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/11/2021 | Actualizada ás 18:37

Comparte esta noticia

O Grupo Popular pedirá este martes no pleno da Cámara galega a intervención temporal por parte do Goberno central da factoría de Alcoa en San Cibrao para a súa posterior venda a un investidor privado que garanta un proxecto industrial viable. Así mesmo, solicitará que o Goberno de España se implique no Pacto de Estado por Ferrol, no que se prevé a posta en marcha dunha Zona Franca no porto ferrolán que dinamice a actividade comercial e industrial desta comarca.

Así o destacou este luns o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, quen afirmou que o Grupo Popular centra as súas iniciativas na sesión plenaria que se celebra esta semana na recuperación da actividade industrial en Galicia e, sobre todo, no ámbito das empresas electrointensivas e no sector naval da ría de Ferrol.

Puy considerou "importante" tomar medidas urxentes respecto dos sectores industriais que máis dependen da enerxía eléctrica. Así, indicou que, aínda recoñecendo que comparten "a necesidade da descarbonización do sistema produtivo", o Goberno de Pedro Sánchez adopta decisións "de forma moi improvisada e precipitadas" como, ao seu xuízo, é "o caso do peche da central térmica das Pontes, que agora vai reabrir como consecuencia da escaseza de enerxía e a un custo altísimo".

Deste xeito, o PP insistirá na demanda ao Executivo central para que active urxentemente medidas en favor da industria electrointensiva para garantir a súa viabilidade presente e futura. "Alcoa non sairá adiante se non se cumpren dúas cousas: que as empresas electrointensivas teñan un prezo competitivo, e o Goberno central e a propia empresa tomen en serio o proceso de venda que garanta a súa continuidade", apuntou.

Neste sentido, subliñou o apoio do PPdeG á posibilidade de que, mentres se atopa un comprador e o prezo da enerxía se regula, haxa unha intervención temporal por parte do Estado para posteriormente proceder á venda desta empresa a un investidor privado que garanta un proxecto industrial viable".

ZONA FRANCA E DELEGACIÓN DA XUNTA EN FERROL

En segundo lugar, o Grupo Popular volverá solicitar ao Goberno central que reforce a actividade dos estaleiros públicos de Ferrol co encargo dun buque de acción marítima para os estaleiros de Navantia.

Así mesmo, engadiu que o PPdeG continuará propondo ao Estado a súa implicación no Pacto de Estado por Ferrol proposto pola Xunta para que haxa unha resposta conxunta ante a crise industrial e de emprego que atravesa a comarca ferrolá.

Dentro deste pacto, Puy apuntou que o Goberno central debería impulsar a creación dunha Zona Franca no porto de Ferrol, á vez que a Xunta impulsará a posta en marcha dunha Delegación nesta comarca.

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy
O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy | Fonte: PPDEG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta