Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/11/2021 | Actualizada ás 14:30
A carreira eólica que dende hai meses afecta ao territorio galego puxo en marcha os equipos xurídicos de multitude de plataformas, algunhas creadas moi recentemente e outras de longa traxectoria. Este último é o caso do Sindicato Galego Labrego, que segundo apuntan vén de conseguir unha “pequena vitoria” tras lograr que o Goberno se comprometa a facer un estudo sobre a viabilidade dos eólicos en Galicia.
A análise, que correrá ao cargo do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, terá en conta as incidencias dos parques eólicos nos territorios contemplados como Reserva da Biosfera. De aí que o estudo non afecte á totalidade do territorio pero si a unha boa medida que podería ver como os parques eólicos proxectados nos seus montes caen.
A denuncia xurdiu o pasado abril, cando o SLG informou ao ministerio de que varios parques eólicos, responsabilidade de Greenalia, Green Capital Power e Galenergy estaban planificados sobre territorio da Reserva da Biosfera correspondente ao Monte do Gato, na provincia da Coruña. Un caso particular que Galicia Confidencial xa tratou en ocasións anteriores.
O SLG agarda frear así o que definen como unha “privatización do medio rural galego” por parte de empresas “que monopolizan o mercado enerxético en connivencia co Partido Popular de Galicia”. Por iso mesmo, o SLG fai fincapé na necesaria limpeza do proceso: “agardamos non só que ditos estudos non se vexan afectados pola presión das empresas involucradas no negocio da produción enerxética, senón que ademais tomen como centro o verdadeiro benestar e saúde da cidadanía, nomeadamente das persoas que vivimos no medio rural”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.