Formoso espera ter definida a executiva do PSdeG "a mediados" da próxima semana

Tras as primarias celebradas o pasado 30 de outubro, nas que Valentín González Formoso se impuxo a quen era secretario xeral Gonzalo Caballero, os socialistas galegos deben agora celebrar o seu Congreso Nacional Galego, unha cita que terá lugar os próximos días 7 e 8 de decembro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/11/2021 | Actualizada ás 19:07

Comparte esta noticia

O secretario xeral electo do PSdeG, Valentín González Formoso, confiou en que a futura executiva do PSdeG, que pilotará o partido tras o XIV Congreso Nacional Galego, estea definida "a mediados" da semana que vén.

En declaracións aos medios antes de participar no acto organizado polo partido con motivo do Día Internacional de Eliminación da Violencia contra a Muller, Formoso sinalou que, tras as primarias nas que se impuxo a Gonzalo Caballero como secretario xeral, traballa na confección dun órgano executivo "amplo".

"Un órgano amplo en moitísimos aspectos"
, sinalou González Formoso, que se referiu a as diferentes sensibilidades existentes na formación, ás identidades territoriais, así como ás estruturas provinciais do partido.

Formoso, que destacou o "enorme elenco" co que conta o PSdeG, asegurou que a confección da nova dirección do partido é un proceso que "leva tempo". "Parecía moito tempo o que había, pero non era tanto como parecía", sostivo nunha intervención na que tamén sinalou que, polo momento, non se abordaron cambios no grupo parlamentario.

E é que tras as primarias celebradas o pasado 30 de outubro, nas que Valentín González Formoso se impuxo a quen era secretario xeral Gonzalo Caballero, os socialistas galegos deben agora celebrar o seu Congreso Nacional Galego, unha cita que terá lugar os próximos días 7 e 8 de decembro.

De face a este congreso, Formoso confía en que non haxa que esperar ata o último momento para coñecer a composición da nova dirección. "Eu vivino sempre desde o outro lado e para a xente que está un pouco pendente é un sufrimento, creo que non é necesario chegar a ese punto", indicou.

Así, aínda que sinalou que poderá quedar "algún floco para o final", confía en que "a estrutura importante do PSdeG" e "a propia executiva" estea definida "a mediados" da semana. Ademais, preguntado sobre se estableceu conversacións con Gonzalo Caballero de face a este proceso, sinalou que ten que falar "con moitos compañeiros e compañeiras". "Aínda quedan moitos por contactar", apuntou.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, nunhas xornadas do PSdeG sobre igualdade
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, nunhas xornadas do PSdeG sobre igualdade | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta