O centro oncolóxico público financiado por Amancio Ortega construirase en Santiago

O Sergas considera que é a ubicación que "cumpre mellor os criterios".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/11/2021 | Actualizada ás 12:22

Comparte esta noticia

A Xunta traballa para pór en marcha o primeiro Centro de Protonterapia na Comunidade galega, que se emprazará no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), nas proximidades do Hospital Gil Casares. Así o confirmaron fontes da Consellería de Sanidade a Europa Press despois de que o pasado mes de outubro a Fundación Amancio Ortega concedese un investimento para equipamento que complementará o proxecto para crear en Galicia este Centro de Protonterapia, de radioterapia "máis segura e de maior precisión", segundo destacou o titular da Administración sanitaria, Julio García Comesaña.

O mes pasado Sanidade unicamente apuntou que este Centro de Protonterapia estará situado na provincia da Coruña, segundo o convenio subscrito, e a Xunta buscaba a localización que "cumpre mellor os criterios". Con todo, a Administración sanitaria avanzara que a súa localización estaría vinculada "a un dos principais centros hospitalarios de Galicia". Para iso, para a elección tivéronse en conta criterios técnicos como a dispoñibilidade de terreo para a instalación do centro, a facilidade de acceso e optimización de tempos de desprazamento de pacientes, a integración con recursos sanitarios relacionados existentes e outros.

O pasado mes de outubro Sanidade sinalou que co convenio asinado entre o Sergas, Ministerio de Sanidade e Fundación Amancio Ortega, que se estende a outras comunidades autónomas, avanza ese proxecto de contar en Galicia cun Centro de Protonterapia, que "é unha modalidade especial de radioterapia". Este convenio permite "axilizar os procesos e implantar en Galicia, a medio prazo", un centro de protonterapia que atende "especialmente as necesidades médicas daqueles pacientes oncolóxicos con longa supervivencia, sobre todo na poboación infantil", matiza Sanidade.

Amancio Ortega nunha imaxe de arquivo
Amancio Ortega nunha imaxe de arquivo | Fonte: Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta