As rupturas matrimoniais aumentan en Galicia un 27,4% no terceiro trimestre debido á Covid

Descenden un 9% respecto a 2019, antes da pandemia. Contabilizáronse 40,4 por cada 100.000 habitantes, dous puntos por baixo da media estatal.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 03/12/2021 | Actualizada ás 12:33

Comparte esta noticia

Os xulgados galegos rexistraron 1.089 demandas de ruptura matrimonial (separacións, divorcios e nulidades) no terceiro trimestre do ano, un 9% menos que no mesmo período de 2019, antes da pandemia, cando se presentaron 1.199. Con todo, se a comparación realizámola co ano pasado, aumentaron un 27,4% debido á incidencia da crise sanitaria, informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

No Estado, segundo os datos recolleitos polo servizo de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial, o número total de demandas de ruptura matrimonial presentadas entre xullo e setembro deste ano foi de 20.127, o que supón unha baixada dun 21,8% respecto de 2020.

Pondo en relación as rupturas coa poboación a 1 de xaneiro de 2021, obsérvase que por cada 100.000 habitantes en Galicia contabilizáronse, no período estudado, 40,4 demandas, fronte ás 42,5 de media estatal.

Os datos tamén reflicten que, na comunidade galega, en comparación co ano anterior á pandemia, xa que as cifras de 2020 están afectadas pola incidencia da crise sanitaria, aumentaron os divorcios consensuados (de 631 a 659, un 4,4 %) e diminuíron os non consensuados (de 527 a 399,un 24,3 %). En comparación con 2020, os divorcios non consensuados baixaron un 32,4% e, os consensuados, un 22,8%.

As separacións consensuadas tamén descenderon, pois pasaron de 30, en 2019, a 22 no terceiro trimestre deste ano, cando se rexistraron oito non consensuadas, fronte ás 11 de 2019. Neste período de 2021 houbo unha petición de nulidade matrimonial.

OUTROS PROCEDEMENTOS

Entre o 1 de xullo e o 30 de setembro iniciáronse 122 procedementos de modificación de medidas consensuadas, un 12% máis que no mesmo período de 2019, cando se rexistraron 109. No terceiro trimestre de 2021 interpuxéronse 301 demandas de modificación de medidas non consensuadas, fronte ás 350 do ano anterior á crise sanitaria.

En canto aos procedementos de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais, presentáronse 229 demandas de modificación de medidas consensuadas, fronte ás 177 do terceiro trimestre de 2019, o que supón un aumento do 29,3%; e 251 demandas de modificación de medidas non consensuadas, un 10,6% menos que no mesmo período de 2019, cando se contabilizaron 281.

Arquivo - Detalle dunha contraente asinando durante a celebración da súa voda. Ricardo Rubio - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Detalle dunha contraente asinando durante a celebración da súa voda. Ricardo Rubio - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta