Luz verde do Consello Galego de Universidades ao plan de financiamento, cun 41% máis de fondos para investigación

Educación e os tres reitores trasladan a súa satisfacción polo acordo alcanzado, que mobilizará 3.200 millóns ata 2026.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 07/12/2021 | Actualizada ás 16:12

Comparte esta noticia

O Consello Galego de Universidades informou favorablemente este martes do novo plan de financiamento para o tres institucións académicas públicas, que abarcará o período 2022-2026 e que agora continuará co seu calendario de tramitación ata a súa aprobación definitiva este mesmo mes no Consello da Xunta. O texto contou co apoio de todos os participantes no encontro, agás a única abstención dunha vocal.

Reunión do Consello Galego de Universidades no Edificio Fontán do Gaiás, en Santiago de Compostela
Reunión do Consello Galego de Universidades no Edificio Fontán do Gaiás, en Santiago de Compostela | Fonte: Xunta de Galicia.

O plan representa unha folla de ruta que blinda as achegas e fondos ás tres universidades para os próximos cinco anos e representa, á súa vez, a maior achega do Goberno galego a estas institucións, ao mobilizar preto de 3.200 millóns ata 2026 (761 máis que o período anterior e un 30% de incremento). Deles, uns 2.457 millóns serán de transferencias da Xunta, aos que se sumarán uns 720 previstos de captación de fondos externos.

A partida do ano 2022 da Xunta achégase a 468 millóns de euros, destacou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, o que supón mais dun 5 por cento de incremento respecto ao ano 2021.

Tamén recolle unha aposta específica en materia de investigación cunha dotación de 400 millóns de euros, que supón un 41 por cento de mellora. Este montante soportará todos os investimentos orientados a impulsar a misión investigadora do Sistema Universitario de Galicia, tanto os propios grupos como as transferencias relacionadas a complexos e centro singulares ou todas as cuestións relacionadas coas retribucións vinculadas a complementos nesta materia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta