O Sergas recoñece problemas para tramitar baixas laborais e realizar PCRs polo aumento de casos Covid

Remite unha circular interna na que fai un chamamento a reincorporación laboral a persoal médico e enfermeiro xubilado para axudar nestas tarefas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 31/12/2021 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

O gran número de casos de covid en Galicia está volvendo saturar a sanidade galega. Tal é a situación, que os propios profesionais sanitarios cualifican de "caótica", que o Sergas viuse obrigado a remitir unha circular interna para tentar "rescatar" a persoal médico e enfermeiro para tentar "aliviar" a presión que están sufrindo os seus compañeiros.

Médico de cabeceira. FACUA - Arquivo
Médico de cabeceira. FACUA - Arquivo

Con todo, o Sergas insiste en recuperar a este persoal para tarefas concretas xa que recoñece a saturación para tramitar baixas laborais e realizar PCRs. " A prioridade é que atendan os trámites de solicitude de incapacidade temporal e de petición de PCR, que son precisamente dúas das tarefas que están a saturar aos médicos de familia", recolle esta circular interna, asinada o pasado 29 e decembro por José Flores Arias, xerente do Servizo Galego de Saúde, "para a incorporación de persoal médico e enfermeiro xubilado para realizar tarefas dirixidas a loitar contra a Covid-19".

"A grave situación epidemiolóxica actual, na que a taxa de incidencia de casos de infección polo SARS-CoV-2 continúa aumentando, fai necesario posibilitar e impulsar esa incorporación na medida en que sexa precisa, atendendo para iso a criterios homoxéneos de actuación,
procedemento e formalización documental", recolle o documento ao que tivo acceso Galicia Confidencial.

XUBILADOS

As ofertas de reincorporación que se consideren necesarias estarán dirixidas prioritariamente ao persoal médico e enfermeiro xubilado que tivo o seu último destino na área sanitaria e que, pola súa traxectoria profesional, conte "cunha presumible maior capacidade para o desempeño de tarefas de loita contra a COVID". Inicialmente ofertarase a incorporación ás persoas que leven menos de tres anos xubiladas e non superen os setenta anos de idade.

As áreas sanitarias e os distritos sanitarios, determinarán o lugar de prestación de servizos das persoas incorporadas -sen que sexa necesariamente aquel no que prestaban servizos cando accederon á xubilación-. Tamén as tarefas asignadas serán en relación coa COVID-19 "para diminuír a carga asistencial dos/das demais profesionais".

A instrución 22/21 do SERGAS lembra que os galenos e enfermeiros poderán cobrar a súa xubilación coa "incorporación ao servizo activo para prestar servizos en tarefas dirixidas á loita contra a covid-19".  Inicialmente, a Xunta ofertará traballos para médicos e enfermeiros que leven menos tres anos retirados e sexan menores de 70 anos. Iso si, é posible que mesmo se acepte a volta de profesionais maiores.mPoderán traballar a tempo completo ou parcial, nas tarefas que viñan realizando ou noutras diferentes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta