O alcalde de Caldas de Reis demanda á Xunta a restitución do segundo médico da PAC da localidade

Quéixase de que o facultativo "foi eliminado desde principios de ano" pola modificación do plan funcional do centro de saúde.

Por Europa Press / Redacción | Caldas de Reis | 04/01/2022 | Actualizada ás 16:21

Comparte esta noticia

O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, demandou á Consellería de Sanidade a restitución durante as tardes do segundo facultativo das urxencias do Punto de Atención Continuada (PAC) da localidade.

Juan Manuel Rey, alcalde de Caldas de Reis
Juan Manuel Rey, alcalde de Caldas de Reis | Fonte: PSdeG

Nunha misiva dirixida ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, o rexedor socialista explica que este facultativo "foi eliminado desde principios de ano" pola modificación do plan funcional do centro de saúde.

"Esta decisión parécenos moi grave dado que as urxencias extrahospitalarias da PAC de Caldas atenden tamén a poboación dos concellos de Cuntis, Moraña e Portas, que suman en total máis de 21.000 persoas", sinala Rey na súa carta.

Así, incide en que o centro de Caldas dá cobertura a unha superficie de 211 quilómetros cadrados na que hai "unha gran dispersión de poboación, o que obriga a desprazamentos dos facultativos que deixarán sen persoal médico a PAC durante moitos momentos das tardes".

Por tanto, reclama que as urxencias do centro de saúde volvan contar con dous médicos durante as tardes de luns a venres, unha cuestión que, para Rey, debe ser blindada a través dunha modificación do plan funcional.

"Imos esixir por todos os medios que se restableza a dotación do persoal médico e se garanta unha atención sanitaria digna na comarca de Caldas", resalta o rexedor, que pide a Comesaña unha reunión para abordar esta situación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta