Galicia "rolda" o pico da onda con "estabilidade" nos hospitais pero "preocupación" na Primaria

A previsión da Xunta era alcanzalo entre o 15 e o 18 de xaneiro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/01/2022 | Actualizada ás 18:08

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asegurou que as previsións se manteñen e que Galicia "está a roldar o pico" de casos activos nesta onda da pandemia. Faino nun marco no que as autoridades sanitarias consideran que, pese á alza dos ingresos en planta, a hospitalización está controlada e "estable", aínda que segue a "preocupación" pola Atención Primaria.

En declaracións aos medios, en Vigo, o conselleiro de Sanidade constatou que a explosión da ómicron leva aparellado "un número importantísimo de casos activos", unha situación que non se deu antes na pandemia. Pero tamén matizou que a maior parte de casos derivan en patoloxías leves.

En todo caso, sinalou que o elevado número de casos si supón unha carga de traballo moi elevada para a Atención Primaria, sobre todo no que se refire ao apartado máis administrativo, vinculado coas baixas laborais. Agora trabállase para implantar, se é posible esta semana, o sistema automático de baixas e altas simultáneas, e Comesaña lembrou outras iniciativas impulsadas para o desconxestionamento administrativo como o contrato de facultativos xubilados ou de médicos sen especialidade que poidan exercer como técnicos de saúde.

Nesta conxuntura, remarcou que Galicia "rolda o pico" do número de casos activos, e lembrou que a previsión era alcanzalo entre o 15 e o 18 de xaneiro. Pero a partir de aí, unha vez que se alcanza o pico, lembrou que aínda hai unha semana de aumento dos hospitalizados e dúas semanas "de crecemento na UCI".

Son parámetros --precisou-- que aínda haberá que confirmar se se repiten coa nova variante, pero Sanidade "segue monitorando" a evolución da pandemia e si mantén a previsión de que o pico está "preto".

"MENOR OCUPACIÓN" QUE ANTES DA PANDEMIA

Pola súa banda, en declaracións aos medios en Salvaterra do Miño, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, resaltou que Galicia é a comunidade "con menor ocupación hospitalaria" de España, pero advertiu que aínda "non se alcanzou o pico", o que obriga a "seguir traballando con rigor e seguir coidándose" coas medidas de seguridade e de prevención correspondentes, como a máscara.

Feijóo lembrou que os fins de semana danse menos altas, polo que haberá que esperar a este luns ou o martes para ver como evolucionan as hospitalizacións. En todo caso, reiterou que, a día de hoxe, o 99,1% de infectados están nas súas casas, mentres que o 0,8% cursan a enfermidade en planta hospitalaria e o 0,1% está nunha UCI.

"Se valoramos a ocupación en 2019, 2020, 2021 e 2022 comprobaremos que temos cinco ou seis puntos de menor ocupación que antes da pandemia, o que acredita que os hospitais están nunha situación estable desde o punto de vista da ocupación. Non nos preocupan os ingresos hospitalarios, si a atención en Primaria como consecuencia do traballo burocrático enorme que hai; falamos de 7.000 ou 8.000 baixas diarias", exemplificou.

Un sanitario ao redor dun paciente ingresado na UCI do Hospital Enfermeira Isabel Zendal.. Eduardo Parra - Europa Press
Un sanitario ao redor dun paciente ingresado na UCI do Hospital Enfermeira Isabel Zendal.. Eduardo Parra - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta