Por E.P. | Santiago de Compostela | 01/02/2022 | Actualizada ás 18:29
O sector de Ensino de UGT Galicia denunciou que o actual protocolo covid nos centros educativos galegos "non funciona" e esixiu á Consellería de Educación "cambios". O sindicato sostén que a situación da comunidade educativa fronte á covid "empeorou notablemente" e denuncia que os datos proporcionados tanto pola Consellería de Sanidade como por Educación "son insuficientes e tardíos".
"Con frecuencia ofrecen cifras parciais que non permiten facerse cunha dimensión obxectiva do empeoramento da situación sanitaria na comunidade escolar. Estamos convencidos de que o novo protocolo se non empeora, polo menos, non achega solucións na situación actual", expresa o sindicato.
Por todo o exposto e en "aras dunha maior transparencia", pide que se proporcionen datos de casos covid no profesorado e no alumnado por provincia e tipo de centro. Ademais, reclama recursos dispoñibles en cada centro, con medidores de CO2, máscaras, etc.
"Dada a situación sanitaria na que nos atopamos, débese actuar cos recursos necesarios por parte da Consellería", apunta o sindicato que pide a modificación do protocolo.
Ademais, sinala que "é de xustiza" que o colectivo docente, "visiblemente exposto á covid, poida facer uso do permiso de deber inescusable cando necesite permanecer con fillos menores ou en corentena".
UGT tamén asegura que "non se está prevendo a falta de cobertura en varias especialidades", unha situación que "empeora" nos conservatorios de música. "Somos coñecedores da sobrecarga dos docentes que teñen que duplicar as súas clases atendendo tamén de forma telemática", argumenta UTG, que di descoñecer os plans que a Consellería ten ao respecto "se é que existen".
"É de xustiza que a Consellería deixe de inhibirse e ofreza datos claros e propostas contundentes para reconducir unha situación con medidas que xa non están nas mans dos docentes de forma individual nin a nivel de centro", apunta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.