A Policía Autonómica galega, unha vella promesa que segue sen se materializar

Apenas están cubertas o 65% das prazas, segundo alertou o PPdG hoxe no Parlamento para pedir novamente ao Goberno que amplíe a dotación.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/02/2022 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

O Parlamento galego volveu a reclamar ao Ministerio do Interior, de novo a través dunha iniciativa do PP, a convocatoria dun concurso de méritos na Policía Nacional para a cobertura das prazas vacantes na unidade adscrita á Comunidade galega, máis coñecida como Policía Autonómica.

Tras a aprobación dunha proposición similar no ano 2020, o Grupo Popular, maioritario na Cámara galega, trouxo de novo a petición, que saíu adiante este mércores na Comisión 1ª cos votos a favor do PP e a abstención da oposición, PSdeG e BNG. En concreto, a iniciativa aprobada insta á Xunta a dirixirse ao Ministeiro do Interior para a convocatoria dun concurso de méritos no corpo da Policía Nacional para a cobertura de vacantes na Unidade de Policía Adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, que ten fixado no seu catálogo de persoal un total de 500 axentes.

O deputado do PP Rubén Lorenzo explicou durante a súa intervención que o seu grupo trae de novo a demanda ante o "incumprimento" do Goberno central á hora de dotar de medios persoais á Policía Autonómica, que conta na actualidade con 373 efectivos, número que descenderá nos próximos meses ante a previsión de nove xubilacións antes de xuño. O parlamentario denunciou que na actualidade "non se chegan a cubrir nin o 65% das prazas" fixadas no catálogo de persoal, que ascende a 500 desde mediados dos anos 1990 pero que presenta unha evolución "descendente" desde o ano 2007.

Por tanto, incidiu na "urxencia" de reforzar o persoal deste corpo no que, continuou, os cambios nos sistemas de quendas fixeron que se precise "máis persoal para cubrir os mesmos servizos". Por parte da oposición, a deputada socialista Paloma Castro afeou aos populares que durante a etapa de Mariano Rajoy na Moncloa non reclamasen o que piden agora ao Executivo de Pedro Sánchez quen, segundo a do PSdeG, deu cunhas forzas de seguridade afectadas polos "recortes" dos seus predecesores.

O deputado do BNG Iago Tabarés acusou aos populares de traer "a mesma iniciativa aprobada" en 2020, polo que interpretou que se emprega este asunto na liña de "confrontar" co Goberno central. Ademais, instou ao PP a "actualizar" a demanda, xa que Tabarés cre "se as competencias" desta unidade "van en aumento" tamén debería facelo o persoal.

Coche da Policía Autonómica
Coche da Policía Autonómica | Fonte: Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta