Certame 8M de fotografía e debuxo “Non hai fronteiras”

A Asociación Alvixe de Loita contra a Violencia de Xénero convida a todas e todos a participar nun concurso enviando unha foto ou debuxo que represente o 8M.

Por X.M. Fernández | Ferrol | 07/02/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

“Que é para ti o 8M? Non hai fronteiras”, este é o lema do que será o I Certame 8M convocado pola Asociación Alvixe de Loita contra a Violencia de Xénero e que anima a todas e todos a enviar fotografías, ou debuxos no caso de ser nenas ou nenos de entre 3 e 12 anos, que representen o que lles evoca a celebración do 8 de marzo, Día internacional da Muller.

Logo 8M
Logo 8M | Fonte: Hermanager Producións

BASES PARA A PARTICIPACIÓN

O certame consta de tres categorías segundo a idade: a categoría infantil, de 3 a 12 anos, a categoría xuvenil, de 13 a 17 anos, e a de adultos, para maiores de 18 anos. Como dixemos anteriormente, na categoría infantil, competirase cun debuxo e non cunha fotografía.

As obras terán que remitirse ao correo alvixeferrol@gmail.com en formato JPG, e o prazo remata o 28 de febreiro. Se os e as participantes desexan que se compartan as súas creación nas redes sociais de Alvixe terán que publicalas no seu propio perfil de Facebook ou Instagram co hashtag #certamenalvixe8m e etiquetar á asociación.

Concederase un premio por categoría e despois os traballos serán expostos en espazo público, co cal, polo feito de participar os autores conceden o dereito de comunicación pública das súas obras.

Co lema escollido pola asociación convocante quérese “chamar a atención sobre a necesidade de entender a lacra da violencia de xénero e a defensa dos dereitos da muller nun contexto global, co obxectivo de xerar unha loita unida e decidida contra o machismo e a desigualdade”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta