Galicia recibe máis de 100.000 vacinas para avanzar na inmunización infantil

A Comunidade é lider na inoculación dos preparados nestas franxas de idade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/02/2022 | Actualizada ás 13:03

Comparte esta noticia

A Comunidade galega recibiu nas últimas horas unha nova remesa da vacina antiCovid, na véspera de iniciar o proceso de administración das segundas 'picadas' aos menores de 5 a 11 anos de idade. Segundo informou este martes a Consellería de Sanidade, Galicia recibiu 118.530 doses máis e administráronse na última xornada 1.843. Desas doses, 413 foron para completar pautas de inmunización, de maneira que hai 2.410.060 persoas coa pauta completa (un 89,26 % da poboación total da Comunidade).

Este mércores está previsto que se comece a pór a segunda dose a nenos e nenas de 5 a 11 anos de idade, que xa empezaron a ser citados hai unha semana. Segundo o 'cronómetro' de vacinación do Sergas (que non separa o grupo etario principal da poboación pediátrica en fase de inmunización), ata a data foron vacinados 115.259 menores de 10 a 14 anos, e 85.071 menores de 5 a 9 anos.

Segundo o último informe actualizado polo Ministerio de Sanidade con data do 7 de febreiro, correspondente á vacinación pediátrica ata o día 6 deste mes, Galicia vacinou a 125.392 menores de 5 a 11 anos con polo menos unha dose, dunha poboación diana desas idades de 153.059, o que supón o 81,9 %. Deste xeito, mantense á cabeza das comunidades autónomas na inmunización destes nenos --a media de España sitúase no 55,6 %--.

PROCESO DE VACINACIÓN

Ata agora administráronse en Galicia 6.455.253 doses da vacina contra a Covid. Por grupos de poboación, por vulnerabilidade, hai 17.421 cidadáns de alto risco coa pauta completa; 16.206 dependentes non institucionalizados e 27.703 institucionalizados. Pola súa banda, 2.228.220 terminaron o proceso ao ser chamados pola súa idade. Por probabilidade de exposición, 76.297 profesionais do ámbito sanitario teñen pauta completa, 28.761 do sociosanitario e 14.715 traballadores de actividades consideradas esenciais tamén a recibiron.

Unha nena prepárase para ser vacinada contra a Covid-19 no recinto feiral de Expourense / Rosa Veiga - Europa Press. / Europa Press
Unha nena prepárase para ser vacinada contra a Covid-19 no recinto feiral de Expourense / Rosa Veiga - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta