Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 11/02/2022 | Actualizada ás 12:44
A ocupación por enfermos de Covid nos hospitais galegos volveu a descender nas últimas horas, e hai 13 persoas menos ingresadas, á vez que tamén descenderon os contagios diarios e, lixeiramente, o total de casos activos en Galicia (aínda que aumentaron nas áreas sanitarias de Lugo e Ourense).
Segundo os datos publicados este venres pola Consellería de Sanidade, con información solicitada ata o xoves ás 18,00 horas, na última xornada detectáronse 3.679 casos novos de Covid en Galicia, fronte aos algo máis de 4.000 da xornada anterior. Con todo, os novos contagios non baixan en todas as áreas sanitarias.
Así, descenden nas áreas sanitarias da Coruña-Cee, onde se detectaron 660 novos contagios; na área de Santiago-A Barbanza, que ten 647 enfermos novos; na área de Pontevedra-O Salnés, onde se notificaron 390 novos casos; e na área de Ferrol, onde hai 178 novos contagios.
Por contra, creceron os novos casos detectados nas áreas de Vigo, onde se rexistraron 894 novas infeccións; na área de Ourense, Verín e Barco de Valdeorras, que ten 454 enfermos de Covid máis; e na área de Lugo, A Mariña e Monforte, con 417 casos novos.
Con respecto ao número de persoas que actualmente teñen a infección, creceu nas áreas de Lugo e Ourense, aínda que a cifra global de Galicia descendeu lixeiramente, pasando de 49.182 a 48.835 casos activos (347 menos).
Por áreas, en Vigo hai 11.743 infeccións activas (91 menos); na área da Coruña hai 10.467 casos (271 menos); na área de Santiago hai 8.771 casos activos (48 menos); na de Pontevedra hai 5.212 persoas con Covid (55 menos); na área de Lugo hai 5.108 infectados (78 máis); na área de Ourense hai 4.901 casos (7 máis); e na área de Ferrol hai 2.328 casos activos (6 menos).
PRESIÓN HOSPITALARIA
No que se refire a a presión hospitalaria, a ocupación de camas Covid descendeu en Galicia na última xornada, e actualmente hai 44 pacientes en UCI (tres menos) e 625 en hospitalización convencional (10 menos).
Por áreas sanitarias, na da Coruña hai 12 pacientes en coidados críticos (dous máis); na área de Vigo hai 8 pacientes (un menos); na área de Santiago mantéñense 7 pacientes en UCI; na área de Pontevedra hai 6 pacientes; na área de Ourense seguen 5 pacientes en UCI, os mesmos que en Lugo (dous menos); e na área de Ferrol os pacientes graves baixaron de 3 a 1.
FALECIDOS, CURADOS E PROBAS
Este venres, Sanidade confirmou o falecemento doutras 7 persoas con Covid, de maneira que o número total de vítimas desde o inicio da pandemia subiu a 3.022.
Os últimos decesos comunicados son os dun home de 87 anos que morreu o pasado 2 de febreiro na área sanitaria de Lugo; un home de 83 anos que faleceu o 8 de febreiro na área sanitaria da Coruña; catro falecidos o pasado mércores (muller de 93 anos na área de Ourense, muller de 86 anos na área de Lugo, home de 87 anos e muller de 96 anos, ambos na área da Coruña); e unha muller de 90 anos que faleceu este xoves na área da Coruña.
Por outra banda, curáronse do Covid 414.927 persoas, das que 4.020 recibiron o alta epidemiolóxica nas últimas horas. Así mesmo, realizáronse máis de 3,6 millóns de probas PCR, 1,46 millóns de test de antígenos e 1,43 millóns doutro tipo de probas.
VACINACIÓN
Con respecto ao proceso de vacinación, Sanidade confirmou que, nas últimas horas, administráronse en Galicia 9.539 dose, das que 8.719 foron para completar pautas de inmunización. Este repunte no número de doses administradas, do mesmo xeito que na xornada anterior, débese ao feito de que o pasado mércores se empezou a pór a segunda dose aos menores de 5 a 11 anos.
Segundo os datos actualizados do Sergas, ata agora administráronse 6.476.233 dose da vacina contra a Covid e hai 2.427.959 persoas en Galicia que teñen a pauta completa de vacinación, o que supón un 89,92 % da poboación total da comunidade autónoma.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.