As farmacias da Coruña, máis inclusivas para as persoas con autismo

Incorporarán novos recursos para facilitar a accesibilidade deste colectivo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2022 | Actualizada ás 13:57

Comparte esta noticia

As farmacias coruñesas melloran a accesibilidade ao seu servizo a persoas con trastorno do espectro do autismo (TEA). Nos últimos meses elaboraron a guía 'Farmacia TEAtende' sobre as necesidades destes usuarios e desenvolveron uns procedementos de comunicación para formar aos profesionais na identificación e trato con estes pacientes.

A Deputación da Coruña financiou este estudo para documentar as medidas necesarias para mellorar a accesibilidade cognitiva dos pacientes con TEA. Esta análise entra agora en fase de formación e comunicación ao sector farmacéutico con máis de 2.380 colexiados na provincia e 570 oficinas de farmacia.

A Federación Autismo Galicia e o Colexio de Farmacéuticos da Coruña traballaron conxuntamente para implementar medidas nesta liña. Tras subscribir un convenio de colaboración entre ambas as entidades "elaboraron un compendio de boas prácticas", segundo indicaron nun comunicado.

PICTOGRAMAS E ADAPTACIÓN DE ESPAZOS

Unha vez detectadas as "principais necesidades e barreiras de comunicación", recolléronas nesta guía de mellora na comunicación con pacientes con TEA, con recomendacións xerais para a adaptación de espazos físicos e secuencias de pictogramas para os procesos de atención farmacéutica. Nas próximas semanas, vaise desenvolver unha formación específica nesta materia para as boticas, co obxectivo de dotalas de recursos para interaccionar con estes pacientes.

Os colectivos que se beneficiarán desta actuación son aqueles que presentan discapacidade intelectual e/ou sensorial, con trastorno da linguaxe, persoas que non saben ler, maiores, menores ou estranxeiros que non coñecen o idioma.

Farmacia. FLICKR - Arquivo
Farmacia. FLICKR - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta