Balaídos esixe un retoque

O presidente do Celta reclama o "apoio" de Concello, Deputación e Xunta para reformar o estadio municipal e poder ter 'un novo Balaídos'. “Non pedimos nin máis nin menos que outros”, sostén Carlos Mouriño.

Por gcdeportes | Vigo | 19/05/2014 | Actualizada ás 23:37

Comparte esta noticia

A última reforma data de 1982, polo Mundial de fútbol. Hai quince días, un mozo madrileño acabou no hospital pola caída de cascotes. A necesidade dun retoque en Balaídos é pois máis que evidente. Falta que alguén poña os cartos enriba da mesa. O presidente do Celta, Carlos Mouriño, reclamou o "apoio" das tres institucións --concello, deputación e Xunta-- para executar xa a remodelación do estadio municipal de Balaídos.

“Imos dar a lata con este tema á Xunta de Galicia, á Deputación de Pontevedra e ao concello de Vigo. Non pedimos nin máis nin menos que outros. Se noutros sitios puidose facer, temos que ter claro que en Vigo tamén se pode”, asegurou o presidente celeste e máximo accionista do club, aproveitando a firma dun convenio para celebrar en Vigo e Pontevedra un torneo clasificatorio para o Mundial sub-20, no que participarán España, Lituania, Dinamarca e Alemaña. “O meu esforzo será tentar sentar a todas as institucións nunha mesa para discutir o proxecto dun novo Balaídos, algo importantísimo para o noso club”, apuntou Mouriño.

Ao seu carón estaba o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, quen asumiu a necesidade celeste: "Dende xa, pensamos en programar, participar e colaborar económicamente na remodelación do actual estadio de Balaídos”.

Os equipos da canteira do Celta sobre o céspede de Balaídos.
Os equipos da canteira do Celta sobre o céspede de Balaídos. | Fonte: celtadevigo,net

Louzán quere seguir a mesma estratexia que no estadio pontevedrés de Pasarón, tamén municipal, e ir arranxando por partes, bancada a bancada. A reforma de Pasarón segue de actualidade, polos excesos na factura: pasouse dos sete millóns iniciais aos case 18 finais. Rafael Louzán sostén que había carencias no proxecto inicial que el mesmo aprobou.

"A reforma foise facendo bancada por bancada durante catro anos para compatibilizar as obras cos partidos de Liga. Coido que o de Pasarón é o modelo perfecto. Si se fan as cousas con sentido común, coido que se poede afrontar esa reforma tan necesaria", sentenciou Louzán.
A Deputación de Pontevedra aporta 70.000 euros á Fundación do Celta para o minitorneo Elite UEFA sub-19, clasificatorio para o Mundial sub-20 de Nova Zelanda.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta