Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/03/2022 | Actualizada ás 20:16
O Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Santiago emitiu unha sentenza na que sinala que os parquímetros da ORA son do Concello e non de Setex Aparki, a concesionaria do servizo ata 2018 que reclamaba ao consistorio compostelán case un millón de euros por eles e agora deberá abonar 743.000 euros ás arcas públicas.
En 2018, o Concello de Santiago, naquel momento gobernado por Compostela Aberta, aprobou a remunicipalización da ORA tras un proceso de dous anos que comezara en setembro de 2015, cunha sentenza do Tribunal Superior de Xusticia de Galicia que anulara o concurso público de 2012 no que Setex Aparki fíxose co servizo.
A empresa municipal Tussa asumiu o servizo da ORA e Setex levou aos tribunais ao Concello por, entre outras cousas, a titularidade dos parquímetros da cidade e demandáballe case un millón de euros.
Agora, a sentenza da que deu conta a xunta de goberno esta semana, ditaminou que será a empresa a que teña que abonar case 750.000 euros ao Concello. Entre outras cuestións, sinala que os parquímetros que Setex instalara no ano 2012, cando asumira a xestión do servizo cun contrato que acabou anulado xudicialmente en 2015, son de propiedade municipal e non da empresa, xa que formaban parte dunha mellora que Setex ofertou no concurso.
SATISFACCIÓN E CRÍTICAS DE COMPOSTELA ABERTA
Pola súa banda, Compostela Aberta tamén mostrou a súa satisfacción por esta sentenza e sinalou que "volve demostrar que o goberno de CA fixo ben as cousas". Nunha nota de prensa, a portavoz de Compostela Aberta criticou que o propio Sánchez Bugallo "utilizou" está cuestión durante a campaña electoral falando de que era "unha auténtica bomba de reloxaría" que lle pasaría factura ao Concello e agora "a factura será a cobrar e non a pagar".
Así mesmo, reivindicou o traballo do anterior Executivo con Martiño Noriega á fronte con respecto ao proceso de municipalización da ORA. Marta Lois lembrou que no seu momento anunciáronse tres recursos: do Goberno do Estado, da empresa Setex Aparki e do avogado Carlos Abal. Finalmente "os tres desistiron dos seus procedementos xudiciais", expuxo con satisfacción.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.