As augas subterráneas de Galicia seguen "profundamente contaminadas" con lindano e praguicidas

Ecoloxistas en Acción critica a falta de medidas por parte das administracións oficiais para poñer freo a unha problemática que podería ter "graves consecuencias" para a saúde humana.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2022 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Nova denuncia arredor da contaminación do medio natural galego. Desta vez, a plataforma Ecoloxistas en Acción pon o foco nunha polución que dificilmente se ve peor non por iso é menos relevante: a que afecta aos ríos e as augas subterráneas. Segundo destacan, os caudais galegos están moi lonxe dun estado de saúde, presentando "unha elevada contaminación con praguicidas e outros tóxicos, como derivados do petróleo".

Manancial de Pitarque, en imaxe de arquivo
Manancial de Pitarque, en imaxe de arquivo

A problemática, destacan dende a plataforma, estenderíase á totalidade das augas recollidas baixo a demarcación Miño-Sil e Galicia de costa. De feito, Ecoloxistas en Acción tomou para o seu estudo os datos desenvoltos por estas mesmas entidades, para as que tamén ten algunhas palabras de queixas. "A pesar de repetirse durante anos os altos índices de concentración de isómeros de lindano na Louriña e Baixo Miño, a Confederación Hidrográfica Miño - Sil non implantou ningunha medidas de mitigación e erradicación da contaminación", incidiron dende a plataforma verde.

Con todo, os estudos destes organismos oficiais, que datan de 2019, darían conta dun panorama de contaminación extendido á totalidade das augas do territorio galego, unha circunstancia con "graves consecuencias" para a saúde humana. "Estas consecuencias superan a toxicoloxía oficial baseada no risco individual de cada tóxico e deben considerar o efecto combinado que se produce pola interacción de varias substancias químicas no medio ambiente e a saúde", inciden dende a plataforma.

E substancias químicas contaminantes hai de abondo. Estes materiais químicos inorgánicos e nocivos chegan de múltiples orixes, segundo destacan dende a plataforma, "desde a industria petroquímica á agricultura industrial". Un claro exemplo é o do herbicida glifosato, principal contaminante en número de superacións da norma en augas do Miño-Sil.

DATOS INCOMPLETOS

A situación reviste especial gravidade porque este negro horizonte que debuxa Ecoloxistas parte duns datos incompletos e "con deficiencias", segundo destacan dende a mesma plataforma. Estes subliñan que os estudos apuntados se centran en analizar substancias en desuso mentres deixa fóra da análise outras amplamente empregadas na actualidade. E é que segundo Ecoloxistas, "queda sen analizar o 80 % dos praguicidas que se utilizan hoxe nos campos". A análise dos datos tamén deixaría patente que as diferentes administracións non comparten un mesmo criterio para decidir o número de mostras a realizar ou sobre que substancias. "Esta descoordinación fai imposible a comparación de resultados entre concas", explican.

No seu propio informe, Ecoloxistas en Acción sinala que o organismo da conca de Galicia Costa unicamente analizou a matriz auga de augas superficiais. "Non detectaron ningún contaminante, o cal chama a atención. Quizais se analizasen outras matrices, como sedimentos ou biota, nas que se acumula con maior facilidade contaminantes apolares como o lindano, é máis que probable que si detectasen algunha substancia. Nas augas subterráneas tampouco detectaron ningún contaminante pero neste caso a razón pode ser o elevadísimo porcentaxe de límites de cuantificación non válidos. En augas superficiais, a estimación da porcentaxe das analíticas realizados pola cunca Galicia - Costa que incumpren os límites de cuantificación permitidos pola Directiva Marco da auga é do 31 %. En augas subterráneas, un 87 % dos límites de cuantificación son non válidos, o que resta rigor a toda a medición", inciden.

"As administracións estatais e autonómicas deben eliminar as súas deficiencias de xestión e cumprir ao pé da letra coas normativas de augas. Por suposto, tamén deben  tomar medidas urxentes para controlar e reducir a contaminación detectada, como retirar a autorización a praguicidas que supoñan un grave prexuízo para os ecosistemas acuáticos", conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta