Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/03/2022 | Actualizada ás 20:42
O Sindicato Labrego Galego (SLG) demandou a industrias lácteas que rectifiquen e paguen máis a gandeiros, así como cobertura de gastos e "claridade" nos contratos. Neste sentido, anima ás granxas lácteas a que "revisen ben os contratos" e acaben coa aplicación de "fórmulas complexas" que agravan a incerteza no sector lácteo.
"Para que este dereito laboral sexa conseguido, é imprescindible que se pague polo leite un prezo que cubra custos de produción e remunere o noso traballo, como en calquera tipo de actividade profesional. A tan publicitada Lei da Cadea Alimentaria, a pesar de que debería garantir a cobertura de custos de produción en base a uns índices, non está a funcionar. De feito, cando asinamos os contratos, é moi difícil saber cal vai ser o prezo final que se pagará á granxa", lamenta o SLG.
Pola súa banda, o vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, destacou este venres o selo Galicia Calidade en produtos Quescrem, da empresa lugesa Innolact, pola súa aposta "continuada" pola transformación e valorización do sector lácteo galego.
Innolact, con 16 anos de traxectoria, conta con 80 empregados e distribúe a marca Quescrem en 40 países de todo o mundo, fundamentalmente China, que é o seu segundo mercado despois de España. Conde subliña que Galicia é a oitava rexión europea en produción láctea.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.