Ana Miranda representará o BNG na investidura do novo presidente de Chile, Gabriel Boric

Estaba previsto que tamén viaxase a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen suspendeu a viaxe tras dar positivo en covid-19.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 10/03/2022 | Actualizada ás 16:50

Comparte esta noticia

A coordinadora de Relacións Internacionais da Executiva do BNG, Ana Miranda, viaxou a Chile para participar nos actos de investidura do novo presidente electo do país andino, Gabriel Boric, que terán lugar este venres. "Para o Bloque é unha honra estar convidado os actos de investidura, xa que Chile está nun cambio político e de paradigma no que demostraron que vencer á dereita é posible", sinala Miranda.

Ana Miranda, portavoz do BNG en Europa
Ana Miranda, portavoz do BNG en Europa | Fonte: Europa Press

Entre os elementos que fixeron posible a vitoria de Boric, o BNG destaca a forza do feminismo chileno e felicita ao novo goberno pola composición do novo gabinete, con maioría de ministras e feministas.

Tamén subliña o recoñecemento da plurinacionalidade e a necesidade dun xiro do neoliberalismo cara a políticas sociais, ecoloxistas e de igualdade que traten de superar "o modelo continuista desde a ditadura e de depredación de recursos de Piñera", presidente criticado por Miranda no Parlamento Europeo.

Durante a súa estancia en Chile, Ana Miranda participará nun seminario internacional organizado polo alcalde de Recoleta e figura referente da esquerda chilena, Daniel Jadue, e manterá un encontro coa política chilena do Partido Comunista, CamilaVallejo.

Ademais, reunirase coa expresidenta da Convención Constitucional, Elisa Loncon, e participará en Valparaíso nos actos de recepción oficial das delegacións internacionais. De alí trasladarase de novo a Chile para asistir ao discurso oficial que o presidente electo ofrecerá desde o Palacio da Moeda.

Tras os actos de investidura, xa o sábado, Ana Miranda reunirase co secretario de Internacional de Wallmapuwen- Partido Autonomista Mapuche, Hector Cumilaf, e participará nun encontro Feminista Internacional coas parlamentarias, ministras e referentes feministas de "Apruebo Dignidad" (integrado por Frente Amplio e Chile Digno), que terá lugar na Municipalidade de Santiago e no que tamén estará a súa nova alcaldesa, a comunista de Chile Digno Iraci Hassler.

A Chile estaba previsto que tamén viaxase a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen suspendeu a viaxe tras dar positivo en covid-19.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Sentidiño

Que non esqueza o marcapáxinas...

1 Gamela

Deséxolle o mellor ao novo Presidente de Chile, e ogallá non teñan nunca que dicirlle aos chilenos que baixen un grao o termostato da calefacción (cando a teñan xa apagada) ? Ana Miranda cando toma posesión do seu cargo como Europarlamentaria ? Se a deixan os socios de Bildu e ERC ~ Agora Repúblicas ~

1 Gamela

De momento os tres "socios" están en 2 Grupos Políticos distintos no Parlamento Europeo, cando tome posesión do cargo en qué Grupo Político se dará de alta ? https://www.europarl.europa.eu/meps...