Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/03/2022 | Actualizada ás 20:04
O ciclo 'Clásicas Desfeitas', coproducido pola Cidade da Cultura e o Centro Dramático Galego, arrinca este sábado, 19 de marzo, coa estrea de 'Arte sen guión', unha comedia que tenta responder desde a creación contemporánea á dúbida de se existiu o teatro en galego na Idade Media.
Para iso, a compañía 'Galeatro' válese das técnicas da improvisación e da música para construír unha peza cargada de humor na que o antigo e o moderno batallan e dialogan entre si.
A obra, primeira produción de Galeatro dirixida ao público adulto, forma o volume catro de 'Clásicas desfeitas', iniciativa posta en marcha pola Xunta que aposta por crear "espectáculos revolucionarios e actuais" a partir de textos clásicos da literatura, no marco do programa de Residencias Artísticas do Gaiás.
'Arte sen guión' terá dúas representacións este fin de semana, o sábado 19 ás 18,00 horas e o domingo 20 de marzo ás 12,00 horas, e empregará como táboas os espazos naturais e arquitectónicos da Cidade da Cultura. As entradas poden adquirirse en Ataquilla e no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás.
UNHA VIAXE NO TEMPO
Na súa proposta, Galeatro investiga as cantigas e textos da literatura galega previos ao Rexurdimento, así como as estruturas da dramática clásica, para facer viaxar ao público ata unha posible función de teatro galego medieval.
O actor e creador Miguel Canalejo dirixe e actúa nesta peza na que a improvisación marca o ritmo, facendo de cada función un espectáculo diferente. Con el estarán tamén no escenario Cris Igrexas e os fundadores de Galeatro, Alba Bermúdez e Tone Martínez. O músico Nacho Martín, integrante do trío coruñés True Mountains, é o responsable do espazo sonoro, mentres a deseñadora arxentina afincada en Galicia Anahí Taraburelli creou o vestiario.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.