Miguel Tellado, o sucesor "interino" de Feijóo á fronte do PPdeG

"É unha interinidade perfectamente prevista", sinala Tellado, quen reivindica a importancia de trasladar unha mensaxe de "estabilidade". O PPdeG avala as mensaxes de Feijóo e non ve contradición no seu discurso: "Só hai un Feijóo que fala con claridade".

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 18/03/2022 | Actualizada ás 13:59

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado, está lexitimado para porse á fronte do partido en Galicia "de forma interina" unha vez que, como determinan os Estatutos da formación, Alberto Núñez Feijóo, se vexa obrigado a deixar o seu cargo orgánico para tomar as rendas do PP estatal tras o congreso extraordinario de Sevilla dos días 1 e 2 de abril.

Ata que se active a substitución de Feijóo en clave orgánica --que podería posporse ata que se ratifique a sucesión na Xunta, dado que os tempos marcaraos Feijóo e non están pechados--, o propio Tellado recalcou que os Estatutos populares prevén o suposto dunha dimisión do presidente, neste caso por "incompatibilidade" co liderado estatal, e que o secretario xeral asuma as funcións.

"É unha interinidade perfectamente prevista", esgrimiu este venres, en alusión ao paso que terá que formalizar Feijóo en 15 días. Non sería preciso que dimita nun Comité Executivo, así que un escrito de renuncia podería bastar para dar por resolto este trámite; e ante a ausencia dun vicepresidente na organigrama do PPdeG, o secretario xeral asumiría o liderado temporal.

Máis aló, en rolda de prensa, Miguel Tellado deu poucas pistas dos tempos que marcarán a substitución no partido e da fórmula final pola que optará para elixir dunha forma máis definitiva ao novo líder do PP galego, unha figura moi simbólica nun partido que reivindica o seu carácter presidencialista.

ESPERAR Á SUBSTITUCIÓN NA XUNTA

Precisamente, este carácter presidencialista favorece a tese de que Tellado tome as rendas do partido de forma temporal ata que se produza a sucesión na Xunta, co fin de que a substitución institucional de Feijóo asuma tamén, posteriormente, o liderado orgánico.

O dos Peares dixo que manterá o seu cargo como presidente da Xunta durante un breve período de transición, "unhas semanas" despois de ser elixido líder do PP. O calendario marcarao a partir de abril e asegurou que será unha substitución "medida e previsible".

UNHA MENSAXE "DE TRANQUILIDADE E ESTABILIDADE"

A porta a convocar un congreso extraordinario tamén estaría aberta, pero poucos dentro do partido ven esta vía, xa que a aposta xeral é que é preferible evitar calquera tensión interna polo menos ata que se celebren as próximas eleccións municipais. Este venres Tellado defendeu que o PPdeG debe lanzar "unha mensaxe de tranquilidade e estabilidade" non só aos militantes, senón a todos os galegos.

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado / PPdeG.   / Europa Press
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado / PPdeG. / Europa Press

DEFENSA DE FEIJÓO

Por outro lado, Miguel Tellado, avalou este venres as mensaxes que lanzou o seu xefe de filas nos últimos días --algunhas non exentos de polémica, como cando afirmou que o Goberno central se "forra" coa impostos da alza de prezos, ou o seu comentario sobre a violencia intrafamiliar-- e rexeitou que haxa contradicións no seu discurso.

"As posturas do presidente están perfectamente claras", esgrimiu Tellado, preguntado sobre a polémica suscitada por Feijóo na pasada xornada cando identificou a violencia vicaria inicialmente como violencia intrafamiliar, aínda que posteriormente, vía Twitter, matizou que o que opina é que existen tanto a violencia vicaria, como forma de violencia machista, como a violencia intrafamiliar".

Tellado aludiu ás actuacións, nalgúns casos, dixo, "pioneiras" da Xunta en materia de violencia machista para reivindicar que o "compromiso" de Feijóo e do seu Goberno en relación a traballar para combatela está "fóra de toda dúbida". "Non é só de palabra", esgrimiu Tellado, quen rexeitou "profundar" neste tipo de manifestacións e suxeriu que se "malinterpretan" determinadas declaracións.

Así, remarcou que "só hai un Feijóo que se manifesta con claridade" con respecto a determinados asuntos, e engadiu que "ás veces a dúbida ofende", en cuestións como o posicionamento do dirixente popular e do propio partido en relación á violencia machista, cando esta está "perfectamente definida".

AFILIADOS

Un total de 9.167 afiliados do PP inscribíronse en Galicia para participar nas primarias do partido e votar este luns 21 de marzo ao candidato a liderar a formación, Alberto Núñez Feijóo. En España anotáronse un total de 41.681.

Fontes do PPdeG confirmaron que dos 9.167 inscritos en Galicia --que supoñen case o 22% dos anotados en España--, un total de 3.743 anotáronse en Pontevedra, 2.632 na Coruña, 1.577 en Lugo, e 1.215 en Ourense.

O presidente do Comité Organizador do Congreso extraordinario do PP (COC), Esteban González Pons, informou que este xoves pola noite finalizou o reconto dos inscritos para participar na elección do candidato á presidencia do partido. Segundo precisou, co censo pechado e a expensas dalgunha corrección, alcanzouse cifra de 41.681 inscritos.

Ata o momento, o partido non ofreceu datos sobre a súa cifra total de afiliados, que algunhas fontes da formación sitúan próximos aos 800.000 militantes. Estes días, fontes do Comité Organizador subliñaron que o importante neste proceso son os que se inscriban, dado que son os que poden participar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Gamela

Arredor da violencia vicaria e a violencia de xénero (intrafamiliar no 80% dos casos) teño que dicir que os xornais non andan moi finos á hora de facer crítica política, máis ben parece que buscan desviar a mensaxe principal (baixen os prezos da enerxía xa!) É como se botando unha nube arredor xa estivesemos máis tranquilos, o mesmo que fixo hoxe a ministra de transportes dicindo que os camioneiros en folga son de extrema dereita (alucinante) // O xornalismo serio é outra cousa que retuitear tonterías... http://www.galiciaconfidencial.com/...

1 Sentidiño

En 2020 as vítimas de violencia de xénero foron 29215, as de violencia doméstica 5082. O de intrafamiliar é difícil de estabelecer. https://www.ine.es/dyngs/INEbase/es...