Carmela Silva critica a "caradura" do PP por pedir máis recursos para os concellos

Apunta que a Deputación destina o 33% do seu orzamento aos municipios mentres que a Xunta "non chega de ningunha maneira ao 1%".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/03/2022 | Actualizada ás 14:43

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, cargou este venres contra o PP pontevedrés pola "caradura" que, di, mostra ao criticar a repartición de fondos da administración provincial aos concellos. "Non saio do meu asombro coa sorpresa que me causan estes comportamentos da dereita que cada día ten menos vergoña", engadiu a presidenta en rolda de prensa, onde apuntou que a deputación destina o 33% do seu orzamento aos municipios mentres que a Xunta "non chega de ningunha maneira ao 1%".

Así, acusou o Partido Popular de "caradura" por "vir aquí pedir" que a deputación aumente as contías que destina aos concellos da provincia. Carmela Silva fixo estas declaracións este venres nunha comparecencia de prensa na que deu conta dos asuntos tratados na xunta de goberno provincial, na que se aprobaron 3 millóns de euros para os municipios.

Concretamente, son 1,3 millóns de euros do 'Plan Concellos' para oito actuacións "moi importantes" en sete concellos (Bueu, Campo Lameiro, Cuntis, O Grove, Covelo, Gondomar e Mos) cos que se financiarán equipamentos e actuacións "de recuperación do espazo público". Por outra banda, a Deputación de Pontevedra tamén destina 1,4 millóns de euros ao cofinanciamento dos servizos comunitarios, "a pesar de ser unha competencia autonómica", segundo aseverou a presidenta.

AXUDAS SECTOR PRIMARIO

Ademais, o Goberno provincial aprobou as bases das axudas ao sector primario, que ascenden a 500.000 euros destinados a cooperativas agrogandeiras e a confrarías do sector pesqueiro. En 2021, estas subvencións, repartidas en concorrencia competitiva, chegaron a 38 entidades para financiar actuacións de formación, TIC, aforro enerxético, ou melloras na comercialización, entre outros destinos. Destas axudas beneficiaranse 31 dos 51 concellos de menos de 20.000 habitantes na provincia. Dedícanse ao Servizo de Axuda no Fogar e a financiar os custos do persoal.

'HORA DO PLANETA'

Por último, Carmela Silva anunciou que a Deputación de Pontevedra se suma este sábado á 'Hora do planeta' apagando a luz dos seus edificios. Deste xeito, explicou, a institución mostra o seu compromiso coa natureza e contra o cambio climático co apoio a esta iniciativa que naceu hai quince anos promovida pola organización WWF. Deste xeito, o Goberno provincial apagará as luces do Pazo, do Edificio Administrativo, da sede de Turismo Rías Baixas e da sede de Vigo.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva | Fonte: Rafa Estévez - Deputación de Pontevedra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta