Luz verde ao plan anticrise do Goberno, que mobilizará 16.000 millóns

O Goberno aproba a bonificación de 20 céntimos ao combustible e as medidas pactadas con transportistas

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 29/03/2022 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

O Consello de Ministros aprobou este martes o 'Plan de Resposta' ao impacto económico da guerra en Ucraína, que inclúe o 'veto' aos despedimentos ás empresas que reciban axudas públicas, a bonificación cun mínimo de 20 céntimos o litro de combustible para toda a cidadanía e o establecemento dun límite do 2% ás revisións dos alugueres durante o próximos tres meses - os propietarios particulares poderán negociar cos seus inquilinos alzas por encima desta cifra, aínda que se non hai acordo, non poderán actualizar a renda -.

As tres vicepresidentas do Goberno --Nadia Calviño, Yolanda Díaz e Teresa Ribera-- foron as encargadas de debullar na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros as principais liñas do real decreto-lei aprobado este martes, co que o Executivo pretende frear o impacto económico e social que xa está a provocar a guerra.

"O impacto desta crise no PIB e a inflación dependerá da resposta que demos", advertiu a vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, quen remarcou a vontade do Goberno de preservar "ao máximo" a senda de recuperación iniciada en 2021. Por iso, defendeu que o Goberno está a actuar con "responsabilidade" e puxo en valor o "intenso proceso de diálogo" do Executivo cos sectores máis afectados, os axentes sociais, os grupos políticos e as comunidades autónomas para abordar este real decreto-lei.

O Goberno contempla a mobilización 16.000 millóns de euros con este plan, dos que 6.000 millóns corresponden a axudas directas e baixada de impostos e outros 10.000 ao impulso dunha nova liña ICO. Está baseado en cinco eixos principais: axudas a familias, traballadores e desprazados; axudas ao tecido empresarial; medidas en materia de transportes; medidas en materia de ciberseguridade e medidas en materia de enerxía.

Entre as medidas máis importantes que esbozou a vicepresidenta primeira para axudar ás familias, traballadores e persoas desprazadas destaca a bonificación cun mínimo de 20 céntimos o litro de combustible para toda a cidadanía, non só para transportistas. O Goberno aplicará unha rebaixa de 15 céntimos e as petroleiras un mínimo de 5 céntimos, aínda que algunhas compañías xa anunciaron rebaixas superiores.

Este eixo dirixido á cidadanía tamén incorporará a limitación das revisións das subidas dos prezos dos contratos de aluguer de vivenda ao 2% no próximos tres meses, así como o aumento do 15% na contía do Ingreso Mínimo Vital (IMV) para chegar a máis familias vulnerables. Ademais, estenderase a 600.000 familias máis o bono social eléctrico, ata chegar a 1,9 millóns de fogares; prorrógase ata o 30 de xuño a rebaixa impositiva na luz, e permitirase que as empresas acudan a medidas de flexibilidade, como os ERTE, á vez que se prohiben os despedimentos obxectivos nos sectores que reciban axudas, como xa sucedeu durante a pandemia.

10.000 MILLÓNS EN CRÉDITOS ICO PARA APOIAR O TECIDO EMPRESARIAL

En canto ás medidas para apoiar o tecido económico e empresarial, o plan contempla unha nova liña de avais de créditos ICO por 10.000 millóns de euros para cubrir necesidades de liquidez provocadas polo aumento temporal do custo da enerxía e os combustibles. Estes avais poderanse conceder ata o 31 de decembro de 2022 e terán un período de carencia de 12 meses, segundo explicou Calviño.

Ademais, flexibilízase o código de boas prácticas aplicable a todos os avais vivos correspondente aos créditos Covid, de forma que se rebaixan os requisitos para a extensión de vencemento. "Xa non é necesario que a cifra de negocio en 2020 se reducise máis dun 30% con respecto a 2019 para poder acceder a esa ampliación de prazo", avanzou a vicepresidenta primeira.

Ademais, habilítase un período de carencia de seis meses a petición dos debedores dos sectores máis afectados e establécese a obrigatoriedade ás entidades financeiras de manter as liñas de circulante para todos os clientes. Así mesmo, o Plan contempla un paquete de axudas directas de 362 millóns de euros para o sector da agricultura e a gandaría, e outro duns 68 millóns para o pesqueiro.

Nadia Calviño, Yolanda Díaz e Teresa Ribera
Nadia Calviño, Yolanda Díaz e Teresa Ribera | Fonte: EP

TRANSPORTE

Respecto das medidas consensuadas cos transportistas, ademais do mesmo desconto ao combustible ata o 30 de xuño, incluíndo gasóleo, gasolina, gas e adBlue, aprobouse a distribución de axudas directas. No seu conxunto, o paquete aos transportistas profesionais ascende a 1.000 millóns de euros.

As axudas directas, que sumarán 450 millóns de euros, traduciranse nunha contía de 1.250 euros por camión, 950 por autobús, 500 euros por furgoneta e 300 euros por vehículo lixeiro, que inclúe taxis, VTC e ambulancias. Outras das medidas son a ampliación do orzamento das axudas ao abandono da profesión de transportista, que pasa de 10 a 20 millóns de euros nos Orzamentos Xerais do Estado de 2022, ou a devolución mensual, e non trimestral como ata agora, do gasóleo profesional.

Tamén se incluíu unha bonificación adicional do 80% á taxa de buque e a taxa de mercadorías nas liñas marítimas de conexión entre a Península e os portos extrapeninsulares pertencentes ao sistema portuario de titularidade estatal.

2.700 MILLÓNS PARA A EMPREGABILIDADE DE MULLERES E MOZAS

A ministra Yolanda Díaz avanzou ademais que o Consello de Ministros aprobou medidas destinadas á empregabilidade de mozas e mulleres por máis de 2.700 millóns de euros, que "se sustanciarán" coas comunidades autónomas na Conferencia Sectorial do próximo 6 de abril. 

Ademais, anunciou que o Goberno español, con carácter inmediato, ratificará o convenio 189 da Organización Internacional do Traballo (OIT) sobre empregadas de fogar. "España ten a obrigación de cumprir coa sentenza do Tribunal de Xustiza Europeo", indicou a ministra, que engadiu que a ratificación do convenio "está na antesala do Ministerio de Exteriores" para ser dirixido ás Cortes.

Para Díaz, o Plan de Resposta á Guerra é unha das normas "con maior ambición" despregadas ata agora en España. "Desta crise imos saír xuntas", destacou a ministra, que quixo lanzar unha mensaxe de "tranquilidade" á cidadanía pese ao "medo e as turbulencias" que xera a situación actual.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta